Reabre o parque infantil da Praza de Barcelos tras a finalización das obras de reforma integral

104
  • O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes xa rematou a restauración da zona de xogos da Praza de Barcelos así como os últimos detalles de posta a punto do parque infantil da Illa das Esculturas

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns que xestiona a Concellería de Desenvolvemento Sostible ven de rematar os traballos de reparación e posta a punto do parque infantil da Praza de Barcelos. A intervención contou cun orzamento duns 20.000 euros destinados a emendar as principais deficiencias que estaban presentes nesta área de xogo debido á súa antigüidade xa que trátase dun parque con máis de 15 anos. Entre as labores acometidas están o pintado de elementos de xogo, substitución de redes e pezas danadas ou en mal estado así como o arranxo do pavimento de céspede artificial. O concelleiro de Desenvolmento Sostible indicou que se trata dunha intervención moi necesaria debido á relevancia e uso intensivo que o parque ten para a veciñanza debido á súa céntrica ubicación, e de aí a necesidade de dotala dunha calidade urbana que estivese acorde. Puentes lembrou que este proxecto, como o resto das reformas que o Servizo de Parques e Xardíns está a coordinar en tódolos espazos de lecer infantil da cidade, segue as directrices e recomendacións establecidas mediante unha auditoría previa realizada pola empresa Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar as condicións de seguridade dos parques, verificar que respectan as normativas europea e galega en materia de seguridade, valorar as reparacións necesarias e emitir os correspondentes certificados da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) unha vez que as cumpran. 

A Concellería de Desenvolvemento Sostible puxo a guinda co pintado dos bancos no parque da Illa das Esculturas, un espazo no que se levou a cabo recentemente a restauración integral na zona de xogos infantís e no que se realizou a mellora do pavimento amortecedor, a limpeza das sendas, o arranxo de pezas deterioradas, a renovación das cordas e o pintado dos elementos de madeira. Asemade, o departamento que dirixe Puentes,  tamén está a desenvolver as obras de reparación e posta a punto do parque infantil de Santa Clara (situado no lateral do Hiper Froiz).