O Estado confirma o modelo de Zonas de Baixas Emisións de Pontevedra, sen taxas e sen etiquetas verdes para os vehículos 

111
A concesión de fondos europeos a través das ZBE para os dous proxectos presentados polo Concello financiarán o proxecto de reforma da Santiña e de dixitalización da mobilidade, recibindo un total de 2.767.053,97 euros.
O alcalde indica que «hoxe é un gran día para Pontevedra xa que queda validada a opción de non irlle ao peto á veciñanza» á hora de crear ZBE  

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernánez Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar da concesión de fondos europeos a través das Zonas de Baixas Emisións para os dous proxectos polo Concello de Pontevedra.

«Hoxe é un gran día para Pontevedra, entre os cousas, e a máis importante, é que nos acaban de conceder os fondos europeos para os dous proxectos que presentamos para as Zonas de Baixas Emisións», indicou o alcalde. «E hai algo máis importante que isto, que é a confirmación de ver que a opción que escolleu Pontevedra para crear zonas de baixas emisións é correcta, é valida. Cando falamos da opción que colleu Pontevedra falamos da opción de non irlle ao peto. Non vai ser preciso nin cambiar de coche nin de pagar para entrar na cidade. Quedan despexadas as dúbidas que tiñan algúns, sobre se as zonas de baixas emisións de Pontevedra serían aceptadas. Aquí quedan validadas na medida que foron concedidas as subvencións para os proxectos presentados».

Dunha banda, estaría o proxecto de Santiña. Trátase dun proxecto cun orzamento total de 1.804.914 euros, dos que Europa achegaría 1.606.500 euros. Doutra banda, estaría o proxecto relacionado coa dixitalización e control da mobilidade, a través da instalación de cámaras, medidores de contaminación e de fluxos de tráfico «facilitando actuacións onde sexan precisas». Este proxecto ten un orzamento de 1.560.300,34 euros, dos cales serán subvencionados 1.160.553,97 euros. En total, Pontevedra recibirá 2.767.053,97 euros.