Os amantes da primeira comida do día elixirán O Mellor Almorzo de Pontevedra 2023 na segunda edición do certame Pontealmorzo

1324
  • O evento gastronómico, organizado pola asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, desenvolverase entre os días 4 e 14 de maio coa participación de 16 establecementos da cidade
  • Os almorzos terán un custe fixo de 5 euros, poderán degustarse entre as 9:00 e as 12:00 horas, con ampliación dese horario en moitos dos establecementos participantes, e as votacións realizaranse de xeito electrónico a través dun código QR que os locais facilitarán (con puntuacións de 1 a 5)

Os amantes da primeira comida do día están convocados ao seu evento favorito do ano, o certame Pontealmorzo, que regresa nunha segunda edición que se desenvolverá entre os días 4 e 14 de maio coa participación de 16 establecementos de hostalería da cidade. O evento, organizado pola asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, permitirá que a veciñanza proclame cos seus votos O Mellor Almorzo de Pontevedra 2023, con galardóns para o primeiro, segundo e terceiro clasificados, así como unha mención especial ao Mellor Almorzo Libre de Glute (que decidirá a Asociación de Celíacos de Galicia).

As votacións serán realizadas de xeito electrónico a través dun código QR que será proporcionado aos clientes xunto co almorzo e cada persoa poderá emitir un único voto, cunha puntuación de 0 a 5. Os almorzos poderán adquirirse por un prezo fixo de 5 euros, podendo degustarse entre as 9:00 e as 12:00 horas (coa posibilidade de ampliación dese horario en moitos dos establecementos participantes).

Non obstante, tal e como apuntaron esta mañá no Concello durante o acto de presentación do Pontealmorzo 2023 os concelleiros Iván Puentes e Yoya Blanco, esta edición traerá consigo novidades “como a posibilidade de desfrutar dos almorzos tamén á hora da merenda”. Tal e como sinalou Blanco durante a comparecencia, na que os edís estiveron acompañados por Elena Vitoria, vogal da directiva de Hoempo, “estamos convencidos de que esta segunda edición tamén será un grande éxito, porque a realidade é que cada vez hai máis xente á que lle gusta almorzar con tranquilidade”.

Elena Vitoria asegurou que “toda a hostalería que se presentou a este certame fixo un esforzo para ofertar uns almorzos distintos e cun deseño refinado”, algo que é de destacar tendo en conta “o momento complexo que atravesa o sector co tema do persoal e o incremento do prezo das materias primas”. “Isto supón un grande esforzo para os establecementos, xa que hai que reforzar as mañás, e hai que agradecer a súa implicación nun certame moi importante para dinamizar a cidade, para que a veciñanza poida desfrutar e para continuar nese camiño de situar a Pontevedra como potencia gastronómica”, subliñou a vogal de Hoempo.

Os establecementos participantes son os seguintes:

  1. Cafetería Silathe (Benito Corbal, 43), con ‘Desayuno Silathe’. Composición: Café, zume de laranxa natural, bol de froitas de tempada e tosta Silathe (tosta de crema de queixo, con salmón afumado, noces, mel e chía, en pan de masa nai con sementes).
  2. Vía Nai (Isabel II, 22), con ‘Desayuno Gloricioso’. Composición: Café elaborado en V60, smoothie de piña, bombón de chocolate con corazón de framboesa e base de pizza con cherrys macerados.
  3. Panadería A Devesa Riestra (Marqués de Riestra, 38), con ‘Desayuno A Devesa’. Composición: Café, zume de laranxa natural e tosta de ovos revoltos con xamón york e queixo.
  4. Panadería A Devesa Monte Porreiro (Italia, 5), con ‘Desayuno A Devesa’. Composición: Café, zume de laranxa natural e tosta de ovos revoltos con xamón york e queixo.
  5. El Huerto del Cura (Joaquín Costa, 42), con ‘El Desayuno del Cura’. Composición: Café, zume natural de mazá e cenoria e bagel de xamón, aguacate e ovo revolto.
  6. Bachata (Eduardo Pondal, 40), con ‘Venga Va’. Composición: Cappuccino italiano, zume natural e tosta de queixo cremoso con noces ao aroma de mel de Salcedo.
  7. La Buena Vida (Blanco Porto, 4), con ‘Sincroniza la Buena Vida’. Composición: Sincronizada de tortitas de trigo con crema de aguacate, xamón, queixo fundido e sementes, acompañado de zume antioxidante de froitos vermellos e café seleccionado de tres países.
  8. Café Bar Bogotá (Joaquín Costa, 42), con ‘Patacones de mi tierra’. Composición: Plátano macho con ovos, chocolate e batido de froita.
  9. El Cafetín (Alameda s/n), con ‘CAFEtime * CAFEteam’. Composición: Caffè latte de abelá + zume kiwi + mini brownie caseiro + cruapán de salmón afumado cafetín, tomate confeitado e cremoso de aguacate.
  10. El Patio Kinder (Virxe do Camiño, 11), con ‘Tuna’. Composición: Café, zume de laranxa natural e tostada de pan chapata con aguacate, atún e rúcula.
  11. Pumper (Sagasta, 22), con ‘Originale’. Composición: Café, zume natural e tosta de hummus de alfábega con mazá, noces e pesto.
  12. Adega dos Avós (Gutiérrez Mellado, 6), con ‘Tosta y más’. Composición: Café, zume de froitas de tempada e tosta con cruxente de queixo e salmón.
  13. Café Sonata (Peregrina, 66), con ‘Desayuna Contigo’. Composición: Café, auga con limón, batido de bagas de goji, kefir con avea e froitas, quiché de verduritas, mini tosta de aguacate e doce de cacao.
  14. La Platería (Manuel Quiroga, 2), con ‘La Platería’. Composición: Cappuccino; cóctel mimosa; creppe con doce de leite, nata e amorodos; e sándwich integral con queixo crema, salmón afumado, aceite de oliva e rúcula.
  15. Dulce de Leche Alameda (Marqués de Riestra, 32), con ‘Ponte a Punto’. Composición: Café, zume de laranxa natural, tortita doce de avea caseira con crema de cacahuete 100% natural, plátano e crema de cacao e tortita salgada de avea caseira con chips de bacon e ovo revolto.
  16. Lulo Gastrogrill (Padre Luis, 3), con ‘Desayuno viajante’. Composición: Almorzo composto por tres elementos con moito sabor que deleitarán o teu padal.
  • Nota: nas composicións dos almorzos, cando pon ‘café’, pode ser calquera tipo de bebida quente: café, infusións ou cacao.