Volve ‘Jazz no Principal’ con Carmen Rey e Gonzalo del Val, referentes musicais do país e do Estado 

13
Ambos os dous artistas estarán acompañados de dúas bandas integradas polo alumnado do Seminario Permanente de Jazz 
As datas escollidas son o 29 de abril e o 6 de maio, tendo cada espectáculo unha entrada de 3 euros 

Após retomar este ciclo o pasado 2022, celebrando o 20 aniversario do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, Jazz no Principal volve ao escenario por excelencia da cultura pontevedresa, no corazón da zona monumental.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, xunto co coordinador do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), Luis Carballo, presentou a nova edición lembrando a importancia da estreita relación que a cidade garda co jazz, co SPJ e a imaxe referencial que proxecta xa non só no país, senón en todo o Estado.

«Jazz no Principal cumpre 19 anos, apenas un ano despois de comezar co Seminario, decidiron impulsar este ciclo. É un feito que lograron trasladar este xénero a toda a cidade, e desde o Concello só podemos amosar orgullo por termos apoiado esta iniciativa desde o primeiro minuto», sinalou Fouces. «Creo que o público de Pontevedra, e tamén de fóra, é un público realmente fiel. Agarda estas datas e para nós só pode ser un pracer anuncialas. Se botamos unha ollada para atrás,  cara ao pasado, poder dicir que temos un ciclo musical que leva xa case 20 anos funcionando é algo impresionante, comprobar toda a inercia cultural que acumulamos».

Fouces lembrou que este ciclo achega «o melloriño do jazz», que este ano se materializa na figura de Carmen Rey, vocalista galega e referente nas novas músicas que se fan neste pais; e o baterista mirandés Gonzalo del Val, todo un referente do jazz actual que se fai na península ibérica. Como sempre, estes artistas estarán acompañados dos novos valores do jazz galego, cunhas bandas formadas polo alumnado do SPJ, o que se traduce nus concertos únicos na súa especie. 

O concerto de Carmen Rey terá lugar o 29 de abril, ás 21 horas no Teatro Principal, namentres que o de Gonzalo del Val será o 6 de maio, ás 21 horas, no mesmo lugar. En ambos os dous concertos a entrada será de 3 euros e poderán ser mercadasna billeteira do Teatro Principal 1 hora antes do concerto ou por venda anticipada en www.ataquilla.com ou no teléfono 902 504500.

A continuación, nas seguintes liñas, é posíbel consultar máis información sobre os dous artistas,

CARMEN REY & SPJ-Group

  • Carmen Rey: voz
  • Oscar Presa: trombón
  • Alberto Rodríguez: saxo alto
  • Javier Abraldes: guitarra
  • Daniel Corral: piano
  • Joao Fontenla: baixo eléctrico
  • David Jacome: batería

Estudou piano no Conservatorio Superior da Coruña; harmonía moderna, piano e improvisación en Estudo Escola (Santiago de Compostela) e técnica vocal e improvisación en Escola de Música Creativa de Madrid bolseira pola AIE. 

Cursou dous niveis de Voice Craft, así como diferentes talleres de técnica vocal, estilismo vocal e improvisación. 

Empezou a súa carreira como vocalista de jazz da man de Nani García. Compartiu  escenario con grandes músicos como Roberto Somoza, Baldo Martínez, Kenny Wheeler, Tom Gullion, Jeff Jerolamon, Richie Ferrer, Perico Sambeat, Jorge Pardo, Brian Trainor, Pablo Añón, Clunia Jazz, Marcos Pin, Kin García, etc. 

Na escena musical galega colabora varios anos nos directos de Xosé Manuel Budiño ,nos directos de Emilio Cao e como vocalista de “Adrián Saavedra Band” e “José Somoza Big Band”. Grava un dúo “Preciso tempo” no primeiro traballo de Xabier Díaz «Músicas de Salitre” e tamén un tema “Non Mar” do disco infantil «Tic-Tac» de Pablo Díaz, xunto a este artista grava tamén como pianista e vocalista o disco “xente miúda moita fartura”. Grava a dúo con Ainhoa Arteta o tema principal do filme “DeProfundis” de Miguelanxo Prado, a banda sonora foi composta por Nani García. E ten editado un vinilo con DJ Ino “Spread your love”, sendo coautora da composición. Tamén grava un dúo no primeiro traballo discográfico de Verónica Ferreiro cuxa canción foi composta por Carmen Rey titulada “Non quero crer” e outro no primeiro traballo discográfico de Ángeles Dorrio “Lala&Tom”. 

 Participa como convidada ou colaboradora en varios programas da TVG relacionados coa música.

No ano 2002, gravou o seu primeiro disco “FUERA” con Xingra.com contando con Nani García como produtor musical. No ano 2005, asumindo a dirección musical, saca o seu segundo álbum «MEU», que chega á rúa no ano 2008 . En decembro do 2016, e coa mesma formación grava o seu último traballo …mañá… co que gaña o Premio da Música Martín Códax no 2019. 

Actualmente lidera diversos proxectos, o seu propio “Carmen Rey” onde desarolla a súa propia música; un coro vocal «Sisters in the house» como directora e arreglista, composto por 20 voces femininas; o trío «Gospel 3»; e un cuarteto vocal feminino chamado «Ejazz» tamén a cargo da dirección e arranxos co que gañou o Premio da Música Martín Códax no ano 2017 e 2019. Tamén forma parte, como teclista, do grupo de Neosoul liderado por Angeles Dorrio co que gravou o seu último EP ¨Selegna”. 

Combina toda esta actividade coa súa faceta de profesora de canto, improvisación e linguaxe musical que leva desenvolvendo dende fai máis de 25 anos.

GONZALO DEL VAL & SPJ-Group

  • Gonzalo del Val: batería
  • Diana Vilas: voz
  • Alejandro Portela: clarinete
  • Carlos Tubío: trombón
  • Lolo Martínez Villar: tuba
  • Jorge Ruiloba: piano
  • João Fontenla: baixo eléctrico

Nado en Miranda do Ebro (Burgos), empeza os seus estudos musicais á idade de 7 anos no Conservatorio Municipal desta cidade. Trasládase a Madrid para estudar batería con Guillermo McGill e composición-arranxos con Ramón Paús durante dous anos.

Posteriormente é bolseiro para estudar no Conservatorio Superior de Música do LICEO de Barcelona, obtendo o “Título Superior de Batería-Jazz” baixo a dirección do músico Marc Miralta.

O seu proxecto final de carreira, titulado “Seis Contos Musicais”, obtén a máxima cualificación (excelente). Este traballo está baseado en composicións orixinais inspiradas na obra do cineasta francés Eric Rohmer. En 2008 foi seleccionado pola Obra Social de Caja  Burgos (CREA2008) para a edición en disco.

Tamén estudou no Conservatorio Superior do Liceo con profesores da talla de Aldo Caviglia e a recoñecido batería norteamericano, Ed Soph.

En 2009 foi galardoado coa bolsa “Jovenes Excelentes” para ir estudar á prestixiosa escola Manhattan School of Music de New York, co profesor John Riley. En Nova York tamén recibe clases do batería Adam Nussbaum.

Neste mesmo ano, a revista francesa SOJAZZ incluíu unha crítica do seu disco na sección de novos talentos sinalándolle como “…un dos mellores representantes da escena española contemporánea…”.

Tamén foi nomeado na categoría de “Mellor Nova Proposta” do ano 2009 pola prestixiosa revista de jazz e Blues, JAÇ (Barcelona).

En decembro do 2011 mereceu a portada da revista máis importante de Jazz; ALL ABOUT JAZZ. No seu interior, a publicación de Nova York dedícalle unha ampla crítica encomiando o traballo do baterista Mirandés. Leste mesmo ano foi nomeado como MELLOR NOVA PROPOSTA pola Revista JAÇ de Barcelona, así como elixido MELLOR DISCO DE JAZZ por Distritojazz.com.

Durante estes anos tamén tivo unha activa vinculación co mundo da docencia, impartindo clases como profesor en numerosas escolas entre as cales destaca o Conservatorio Superior Pablo Sarasate de Pamplona, Aula de Música Moderna e Jazz do Conservatorio do Liceo (membro da Berklee School of Music de Boston), Taller de Músics (Escola Superior de Estudos Musicais – ESEM) así como no Conservatorio Superior do Liceu.

Do 2013 ao 2015 foi Director Académico de L´AULA de Música Moderna i Jazz do Conservatori Liceu de Barcelona.

Do 2016 ao 2019 trasladouse a Dublín, onde desenvolveu a súa carreira musical tocando con algúns dos músicos máis importantes da escena jazzística irlandesa.

En xuño do 2019 foi nomeado Xefe de Departamento de Jazz e Música Moderna do Conservatori Superior do Liceu de Barcelona.

Colabora dentro da escena jazzística española con músicos da talla de Jon Robles, Dani Pérez, Víctor de Diego, David Mengual, Jordi Bonell, Albert Bover, Jordi Gaspar, Marc Miralta, Raynald Colom, Elisabet Raspall, Ramón Escalei, Mikel Andueza, Iñaki Sandoval, Joan Chamorro, Rai Ferrer, Horacio Fumero, Matthew Simon, Gonzalo Tejada, Iñaki Askunze, Giulia Valle, Iñaki Salvador, Josep María Farrás, Roger Mais e internacional como Dave Liebman, Christian Scott, Bill McHenry, Stéphane Belmondo, Pierre de Bethmann, Anders Bergcrantz, Chris Kase, Ronan Guilfoyle, Richard Sears, Richie Buckley, Romain Pilon, Jim Doherty, J.P. Balcàzar, Demián Cabaud, André Matogueiras, André Fernándes, Leo Genovese, David Borgo, Coco Fernández, Stefan Graser…