Os Encontros Mestizos abrirán diálogos entre expoñentes da cociña galega e baluartes da gastronomía de Colombia, Brasil, Italia e Arxentina na nosa cidade

61
  • O primeiro dos faladoiros, entre Silvia Massetti, de Vía Nai, e Gonzalo Rodríguez, do Club del Café, servirá para inaugurar o certame na carpa da Praza de España este xoves 27 de abril ás 17:00 horas
  • O venres 28 ás 11:00 horas celebrarase un coloquio entre Felipe Osorio e Bárbara Santos, de Lullo Gastrogrill, e Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula, mentres que para o sábado 29 ás 11:00 horas está previsto outro Encontro Mestizo entre Everaldo Pessoa, de Croquetería El Crack, e Sergio Roma, de O Souto

A programación do Festival Gastronómico Mestizaxes, que acollerá a Praza de España entre os días 27 de abril e 1 de maio, incluirá tres Encontros Mestizos entre baluartes da cociña internacional que se practica na nosa cidade e expoñentes da cociña galega. O primeiro dos faladoiros servirá para inaugurar o certame, organizado pola Concellería de Promoción Económica e a Deputación Provincial no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, e plantexará un diálogo entre Silvia Massetti, de Vía Nai (experta nos sabores italo-arxentinos), e Gonzalo Rodríguez, do Club del Café (de aquí). Será ás 17:00 horas do xoves 27 e servirá como preámbulo da apertura dos postos de comida, entre as 19:00 e as 00:00 horas.

Os Encontros Mestizos proseguirán o venres 28 ás 11:00 horas, cun coloquio entre Felipe Osorio e Bárbara Santos, de Lulo Gastrogrill (expertos en cociña colombiana), e Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula (de aquí), mentres que para o sábado 29 ás 11:00 horas está previsto outro coloquio entre Everaldo Pessoa, de Croquetería El Crack (expoñente da gastronomía brasileira), e Sergio Roma, de O Souto (de aquí). Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “todas estas conversas entre profesionais que practican a cociña de fóra e aqueles que exercen a cociña propia en establecementos hostaleiros de Pontevedra constarán de dúas partes: primeiro as Conversas no Salón, cun diálogo sobre a historia que hai detrás da aposta por esa cociña na nosa cidade e sobre como chegou aquí o sabor dese país; pasándose posteriormente do coloquio aos fogóns, cociñando xuntos, nas Conversas na Cociña”.

Un escenario habilitado na carpa da Praza de España servirá de marco para estes encontros, aos que só se poderá asistir con estrita invitación.

Sabores de ata 11 países

O Festival Gastronómico Mestizaxes, que na súa primeira edición tivo un rotundo éxito de público (recibindo a visita dunhas 15.000 persoas e vendendo máis de 10.000 tapas) e que ten o obxectivo de poñer en valor as cociñas de fóra que se practican na cidade e que enriquecen a nosa inxente oferta de sabores, convidaranos a viaxar polo mundo sen saír de Pontevedra. Tal e como lembra Yoya Blanco, o evento permitirá degustar propostas culinarias de ata 11 países, percorrendo culturas tan diversas como Hawai (Mahalo Poke), Colombia (Lulo Gastrogrill), Corea (La Culpa de la Gula), Venezuela (Arepas Gastrobar), Estados Unidos (Xhuao), China (El Cafetín), Xapón (Kenzo), México (La Catrina), Brasil (La Croquetería El Crack) e Perú (O Souto), así como cafés de Etiopía, Kenia ou México (El Club del Café).

Tódolos participantes foron convidados pola Concellería de Promoción Económica e a Deputación co requisito de seren establecementos hostaleiros da cidade que practiquen total ou parcialmente a cociña do país que defenderán. O evento, que abrirá entre o mediodía e a medianoite e que estará na Praza de España ata o luns 1 de maio (pechará ás 16:30 horas nesa última xornada), desenvolverase nunha carpa de 15×40 metros, cunha superficie total de 600 metros cadrados e unha coidada decoración temática, permitindo un aforo máximo dunhas 540 persoas.

Este Mestizaxes reforzará ademais o apartado lúdico con sesións nocturnas de animación musical protagonizadas por diferentes DJ e que darán comezo a partir das 22:00 horas.