Desenvolvemento Sostible acomete a restauración integral do parque infantil de Santa Clara

21
  • As obras foron adxudicadas á empresa Jardinería Jara cun orzamento de máis de 20.000 euros e abranguen a renovación do pavimento amortecedor, incrementando o seu espesor; a reposición de mobiliario, parafusos, tapóns, redes e cordas; o lixado e tratamento de todo o valo perimetral; o pintado de diversas estruturas e a restauración do columpio-cesta
  • O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes agarda que, en función das condicións meteorolóxicas, os traballos poidan estar rematados “nun prazo de dúas a tres semanas”

En paralelo á intervención que se está a levar a cabo na zona de xogos de Barcelos, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de poñer en marcha os traballos de restauración do parque infantil de Santa Clara (situado no lateral do Hiper Froiz). Trátase dunha intervención de carácter integral de mantemento e posta a punto deste espazo de lecer, adxudicada á empresa Jardinería Jara cun orzamento que supera os 20.000 euros.

Así, as actuacións abranguen o pintado de diversas estruturas (afectadas por pintadas vandálicas); o lixado, lasurado e tratamento de todo o valo perimetral, e a retirada das áreas de pavimento amortecedor de caucho deterioradas e agretadas. Segundo explica o concelleiro socialista Iván Puentes, “o pavimento será renovado, incrementando as capas de caucho e achegándolle maior volume e espesor en determinadas zonas, de xeito que teña as axeitadas condicións de amortecemento en función das alturas de caída dos elementos de xogo”. “Esta é -sinala o portavoz municipal do PSOE- unha das compoñentes de protección máis relevantes a ter en conta para cumprir as normativas autonómica e europea en materia de seguridade e de cara a acadar a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac)”.

Ademais, arranxaranse as redes e cordas danadas ou en mal estado, reporanse o mobiliario e unha papeleira do interior do parque, así como os parafusos e tapóns deterioradas, e restaurarase o columpio-cesta. Tal e como apunta Iván Puentes, “a duración de todos estes traballos dependerá das condicións meteorolóxicas, xa que a choiva podería atrasar as tarefas de pintado, pero agardamos que poidan estar rematados nun prazo de entre dúas e tres semanas”.