Lores recibe unha mención honorífica na 15a edición dos Premios Ponle Freno como pioneiro da mobilidade urbana moderna

44

O rexedor da cidade sinala que este premio é «de toda a sociedade pontevedresa, de todos os seus veciños e veciñas, que foron os que fixeron posíbel a transformación da cidade»

O galardón é compartido co ex alcalde de Barcelona, Joan Clos, e polo ex tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade no Concello de Bilbao, Alfonso Gil Bilbao

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibiu este xoves, 20 de abril, na cidade de Madrid, unha mención honorífica na 15a edición dos Premios Ponle Freno, destinados a recoñecer o labor de todas aquelas persoas, institucións e iniciativas que contribuísen a promover a seguridade viaria e a diminuír o número de accidentes de tráfico.

Así, o rexedor da Boa Vila subiu ao escenario acompañado polo ex alcalde de Barcelona, Joan Clos, e polo ex tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade no Concello de Bilbao, Alfonso Gil Bilbao, tamén galardoados con este nomeamento que os sitúa como pioneiros da mobilidade urbana moderna.

Lores destaca que este premio é «de toda a sociedade pontevedresa, de todos os seus veciños e veciñas, que foron os que fixeron posíbel a transformación da cidade». Pontevedra foi, no 2011, a primeira cidade coa velocidade limitada a 30 qm/h en todas as vías do seu territorio urbano, unha medida que xa aparecía recollida na ordenanza municipal de uso dos espazos públicos aprobada no ano 2009. Doutra banda, non se rexistran mortos por violencia viaria no tramo urbano desde hai doce anos.

«Que Pontevedra é un referente internacional é un feito constatado. Somos unha cidade que está na vangarda, que soubemos elixir o noso propio camiño e que seguirá avanzando co obxectivo de facer unha cidade para as persoas», sinala o alcalde. «É unha honra recibir hoxe este premio, pois subliña esa idea, a idea de sermos uns avanzados no tempo, de ser pioneiros á hora de colocar ás persoas no centro de todas as prioridades».