A X edición de Pontenciencia arrinca con 56 obradoiros e 39 investigacións científicas desenvolvidas por máis de 650 participantes

159
  • O programa impulsado pola Concellería de Educación, financiado a través da Convocatoria de Axudas para o programa de Cultura Científica e da Innovación da Fecyt – Ministerio de Ciencia e Innovación e dun convenio entre o Concello e a Deputación Provincial, inclúe a convocatoria dos Premios de Investigación 2023 e os ‘Homenaxe á Muller Investigadora’

O proxecto Pontenciencia, que pretende estimular a participación cidadá en procesos científicos e facer visible a ciencia entre nenos e nenas e o público en xeral, porá en marcha o vindeiro mes de maio, obradoiros de formación no método científico en 18 centros educativos de Pontevedra. O obxectivo destes talleres é por ao alcance de escolares e ás súas familias ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, dende o máis próximo ao máis cotiá. Ao mesmo tempo, a X Feira da Miniciencia pretende estimular a participación cidadá espertando a súa curiosidade e interese polos procesos científicos.

A iniciativa, impulsada pola Concellería de Educación, está dividida en 3 sesións: Ciencia no Cole, na que se presentarán os proxectos de investigación dos centros de ensino participantes (5º-6º Primaria); Xoves Investigadores e Investigadoras, dirixido a Educación Secundaria e no que se outorgarán os Premios de Investigación; e unha terceira sesión de Ciencia en Familia, na que se presentarán os proxectos de investigación das familias participantes (alumno de Primaria-familiar), ademais da deliberación do xurado entre o resumo entregado, a presentación física no stand e a presentación oral do alumno.

O proxecto, financiado a través da Convocatoria de Axudas para o programa de Cultura Científica e da Innovación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) – Ministerio de Ciencia e Innovación e dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación Provincial, inclúe a presentación ao xurado dos traballos realizados e tamén aos participantes e público asistente para fomentar o intercambio de coñecementos e a entrega de premios Ciencia en Familia e Ciencia no Cole.

O Pontenciencia 2023 foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o concelleiro de Educación, Agustín Fernández; o deputado provincial Gregorio Agís; a vicerreitora do Campus Universitario de Pontevedra, Eva Lantarón; e os empresarios Manuel Fernández Rascado, apoderado de Setga, Casimiro González Fernández, xerente territorial de Viaqua e Elisa Barbeito, responsable de Cristalería Pontevedresa. Tal e como lembrou Agustín Fernández, “a aventura de Pontenciencia comezou hai dez anos como comezan estas cousas, con moita paixón e ilusión e tamén con moitas dúbidas, co obxectivo de achegar a ciencia e o coñecemento aos colexios, e pouco a pouco foi sumando amigos e amigas nesta camiñada: as empresas, o vicerreitorado, a Deputación Provincial… Ata converternos no que somos hoxe, un referente a nivel do Estado”, xa que “non hai moitas semellantes a esta en toda España”. “Longa vida a Pontenciencia -afirmou o edil- e a todos os que a fan posible!”.

Eva Lantarón fixo fincapé na importancia de “manter no tempo iniciativas como esta, que consegue desenvolver o pensamento creativo e promover o interese dos cidadáns pola investigación, a ciencia, a tecnoloxía e a innovación”, ao tempo que agradeceu “a tódolos patrocinadores, empresas e colaboradores, Deputación, Concello, profesorado de centros educativos, institutos e Universidade, así como á organización, polo esforzo realizado ao longo destes meses para que finalmente se poida levar a cabo”. “Agardo vervos a todos os días 5 e 6 de maio na presentación dos proxectos finais na Escola de Enxeñería Forestal”, afirmou a vicerreitora.

Elisa Barbeito tamén tivo palabras de agradecemento para todos eses mozos “xeradores de entusiasmo” que toman parte neste programa, mentres que o deputado provincial Gregorio Agís salientou que, nun contexto actual “no que calquera fai ciencia e ás veces ata nos xorden dúbidas sobre se a Terra é plana ou redonda, é esencial ter iniciativas como esta, que poñen o foco na ciencia, polo que implica de prepararse para o futuro, da innovación, de ter proxectos competitivos de cara ao futuro e de incidir en que as novas xeracións fagan traballos que redundan na mellora da sociedade”. Segundo afirmou, “para a Deputación é un orgullo participar un ano máis nesta iniciativa, diferente e innovadora, e agardamos que no futuro medre aínda máis e vaia collendo corpo, reforzándose e evolucionando”.

Participantes nas diferentes modalidades

A modalidade de Ciencia no Cole inclúe a participación de 10 centros educativos de Educación Primaria con 15 investigacións procedentes do CEIP Santo André de Xeve, CEIP San Martiño, CPR Calasancio, CEIP Froebel, CEIP Manuel Vidal Portela, CPR Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra, CPR Sagrado Corazón Praceres de Lourizán, CEIP Ponte Sampaio, CEE Pontevedra e CEIP A Xunqueira 2.

Na modalidade de Ciencia en Familia participan 16 familias con 7 investigacións, mentres que nos Premios Xoves Investigadores (ESO, Bacherelato, e FP), participan 17 investigacións de 8 centros: CIFP A Xunqueira, IES Luís Seoane, CPR Sagrado Corazón de Jesús Praceres de Lourizán, CFEA Lourizan, IES Montecelo, CIFP Carlos Oroza, IES Gonzalo Torrente Ballester e IES Valle Inclán.

Visibilizar ás mulleres na ciencia

Co obxectivo de facilitar e visibilizar o pleno acceso e a participación das mulleres e nenas na ciencia, dun xeito equitativo, contribuíndo deste xeito á igualdade de xénero, a Concellería de Educación tamén promove os Premios de Investigación ‘Homenaxe á muller investigadora’, dirixidos a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. Os cinco traballos coas puntuacións máis altas recibirán un premio de 300 € cada un, achegados por empresas colaboradoras que destacan pola súa labor en I+D+i: Marine Instruments, Setga, Viaqua, Cristalería Pontevedresa e Hifas da Terra.

Programa

A feira conta cunha chea de actividades sobre diferentes disciplinas entre as que se atopan: arqueoloxía, astronomía, automoción, bioloxía, biomediciña, botánica, cinema, cociña, construción, contaminación mariña, debuxo, drons, ecosistemas, física, forestal, fotografía, pesca e mar, química, realidade virtual, robótica, teledetección ou xadrez.

Durante a primeira xornada, o venres 5 de maio, os interesados e interesadas poderán desfrutar das seguintes actividades:

  1. Lupoinvencións: actividade para desenvolver a imaxinación e aprender conceptos volumétricos, de equilibrios e esforzos estruturais mediante a manipulación de bloques a grande escala. Sistema Lupo.
  2. A vida secreta das ameixas: coñece a anatomía, forma de vida e recolección das principais especies de ameixas que se cultivan en Galicia. Amarcarril.
  3. SOS A Terra: obradoiro co obxectivo de concienciar sobre os síntomas, consecuencias e solucións para os principais problemas ambientais que afectan a nosa contorna e o planeta. Ciencia en movemento.
  4. Rumbo ás Illas: actividade para dar a coñecer aos participantes o significado dos espazos naturais protexidos e os principais ecosistemas e especies que se poden atopar no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
  5. Ciencia na cociña: obradoiro experimental para achegar fenómenos complexos da física e da química a través de situacións cotiás. Ciencia Kids.
  6. Lume ao longo da historia: aprende a producir lume mediante unha exhibición que examina a súa evolución ao longo da historia desde o paleolítico até a actualidade. Árbore arqueoloxía.
  7. Plástico no medio mariño: coñece as especies de cetáceos, tartarugas, lobos mariños e quenllas que chegan ás nosas costas, a problemática existente cos plásticos no mar e como afecta a estas especies. Centro de Estudo de Mamíferos Mariños.
  8. Asistencia a fauna mariña ameazada: actividade que procura dar a coñecer as especies de cetáceos, tartarugas, lobos mariños e quenllas, que poden aparecer nas nosas costas e como proceder ante un varamento ou avistamento. Centro de Estudo de Mamíferos Mariños.
  9. Coñecemento do ceo nocturno: aprende a utilizar un planisferio celeste e como analizar a través del as principais constelacións. Fundación CEO. Andar 2, aula
  10. Náufrag@s: obra de teatro na que se achegan distintos fenómenos físicos e químicos dunha forma amena e divertida. Ciencia Divertida.
  11. Mulleres científicas: obra teatral de divulgación científica que contribúe a reivindicar figuras historicamente esquecidas e discriminadas de mulleres nos eidos profesional e científico. Ciencia Divertida.
  12. Obradoiro de biomedicina: partindo do método científico, a actividade permite coñecer experimentalmente a célula vexetal e aprender a extraer o propio ADN para poder visualizalo. Ciencia Divertida.
  13. Unha viaxe polo sistema solar: palestra divulgativa de temática espacial. Alen Space.
  14. Debatrue: debates electorais e fake news abertos a todos os participantes. Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (UVigo).
  15. Sentinel: actividade sobre a teledetección e o uso de satélites na prevención e análise dos efectos de incendios forestais e a deforestación. Escola de Enxeñaría Forestal (UVigo).
  16. Arboreto e Xiloteca: actividade para coñecer as árbores presentes no Campus de Pontevedra e a colección existente na xiloteca de Forestais. Escola de Enxeñaría Forestal (UVigo).
  17. Obradoiro de xoguetería óptica: Comprende a ilusión de movemento e a secuencialidade para interiorizar o rol da ciencia na xénese do pre-cinema. Novos Cinemas.
  18. Vamos voar!: actividade para experimentar en primeira persoa o voo de drons ao tempo que se aprenden as súas características e implicacións. Programa Universitario de Maiores (UVigo).
  19. Robots e gafas de realidade virtual: achegamento ao mundo tecnolóxico. Escola de Enxeñaría Industrial (UVigo).
  20. UVigo Motorsport: a Formula Student é a competición estudantil automobilística máis importante do mundo e a Uvigo ten o seu propio monopraza que amosarnos. Motorsport (UVigo).

Durante o sábado 6 de maio, as actividades ofertadas son:

  1. Pequena historia da fotografía: Coñece a historia da fotografía desde a cámara escura até a fotografía dixital vendo os aparellos e materiais que se precisaron para o seu desenvolvemento. Programa Universitario de Maiores (UVigo).
  2. O ximnasio da mente: Xoga ou aprende a xogar ao xadrez a tamaño normal ou mesmo nun taboleiro xigante. Programa Universitario de Maiores (UVigo).
  3. Ano internacional do paínzo: Aprende as principais características e a importancia deste cereal así como a diferencialo do millo americano. Misión Biolóxica de Galicia.
  4. Palabras e cousas: Coñece a evolución das formas de habitar e de coidarse nos últimos tres séculos a través da linguaxe e obxectos da vida cotiá. Programa Universitario de Maiores (UVigo).
  5. UVigo Motorsport: a Formula Student é a competición estudantil automobilística máis importante do mundo e a Uvigo ten o seu propio monopraza que amosarnos. Motorsport (UVigo).
  6. Robots e gafas de realidade virtual: achegamento ao mundo tecnolóxico. Escola de Enxeñaría Industrial (UVigo).
  7. Obradoiro de biomedicina: partindo do método científico, a actividade permite coñecer experimentalmente a célula vexetal e aprender a extraer o propio ADN para poder visualizalo. Ciencia Divertida.
  8. Lume ao longo da historia: aprende a producir lume mediante unha exhibición que examina a súa evolución ao longo da historia desde o paleolítico até a actualidade. Árbore arqueoloxía.
  9. Vamos voar!: actividade para experimentar en primeira persoa o voo de drons ao tempo que se aprenden as súas características e implicacións. Programa Universitario de Maiores (UVigo).
  10. Coñecemento do ceo nocturno: observación solar guiada mediante telescopios especiais para este uso. Fundación CEO.

O calendario das actividades

Venres 5 de maio
(Ciencia no Cole)
10:00h-11:30h. Exposición dos proxectos ao xurado.
10:00h-13:40h. Participación dos colexios nas actividades.

(Premios de Investigación 2023)
16:30h-18:30h. Exposición dos proxectos ao xurado.
16:30h-19:30h. Visita aos proxectos “Ciencia no Cole”.
18:30h-19:30h. Visita libre Stands Premios de Investigación 2022.

Sábado 6 de maio
(Ciencia en Familia)
10:00h-11:00h. Exposición dos proxectos ao xurado.
11:00h- 13:30h. Visita libre de stands: “Ciencia en Familia”, “Ciencia no Cole” e Premios de Investigación 2022.
10:00h-13:30h. Actividades de acceso libre para o público.
13:30h. Acto de entrega de diplomas e premios.
14:00h. Clausura e pincho.