O Concello inicia a plantación das 3,5 hectáreas queimadas polos lumes do verán no parque forestal da Fracha

57

Amais de limpar, rozar e retirar as especies queimadas, está prevista a plantación de 1.150 castaños, carballos e pinos, e repoñer os peches do parque para evitar que os animais, especialmente os cabalos, acaben coas novas plantacións. 

O  Concello de Pontevedra está a replantar as 3,5 hectáreas do parque forestal da Fracha que se calcinaron nos incendios de agosto de 2022 na parroquia da Canicouva. O concelleiro responsable da parroquia, Raimundo González explicou esta mañá que a Fracha se viu afectada naquel importante incendio no que nunhas 24 horas se queimaron 350 hectáreas do monte de Canicouva, Ponte Sampaio e Ponte Caldelas. Destas 350 hectáreas, 3,5 eran do parque forestal da Fracha, na parroquia da Canicouva.

Logo dos incendios, o Concello xa iniciou a tramitación para poder replantar 1.150 árbores autóctonas nos espazos queimados. Son 700 castaños, 250 carballos e 200 pinos. Ademais, retiráronse as especies queimadas, limpouse o monte e reporanse os peches e os postes arrasados polo lume que delimitan o parque forestal, para evitar a entrada de animais que acaben coas novas plantacións.

O investimento achégase aos 15.000 euros “e aínda que poida parecer unha contía pequena, a repercusión da actuación é moi importante”, aclaraba Raimundo González quen recoñeceu que se busca que o parque volva a recuperar a súa vexetación e redunde na mellora do monte.