A nova licitación do contrato de xestión de residuos poderá comezar en quince días

7

O Concello de Pontevedra aprobou onte nunha Xunta de goberno extraordinaria retrotraer o expediente de contratación de xestión do servizo de residuos municipais para adaptalo ás resolucións do Tribunal administrativo de contratación pública de Galiza (Tacgal). Raimundo González, responsable do servizo, explicou esta mañá que a gran maioría dos informes que hai que refacer para adaptalos á resolución do Tacgal xa están feitos. O tribunal galego inidicaba ao Concello que tiña que sacar desta contratación a xestión dos residuos téxtiles.

Raimundo González agarda que en quince días poida retomarse a licitación que será por un prazo dun mes. Este calendario amosa que a presentación de ofertas remataría a finais de maio ou principios do mes de xuño.

O concelleiro confía en que logo de moitos meses de tramitación e revisión, o contrato poida estar adxudicado e iniciar o seu funcionamento neste mesmo ano.