O Concello realiza unha petición formal a todas as administracións que teñen instalacións na Xunqueira da Gándara para que cesen a súa actividade e traballen a prol da recuperación da zona 

132
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que existe «un compromiso claro coa recuperación dos espazos naturais» pero que é «imposíbel de facer se non se trasladan estas instalacións a outros lugares» 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar da decisión de remitir peticións formais ás distintas administracións (Xunta de Galiza, Ministerio de Transición Ecolóxica, Dirección Xeral de Patrimonio do Estado, Xefatura Central de Tráfico e Subdelegación do Goberno) co fin de reclamar o cese de actividade e o desmantelamento de todas as instalacións situadas na Xunqueira da Gándara.

«Estas instalacións forman parte do ENIL que temos aprobado desde o outubro do 2012. Neste ano foi recollido como un dos espazos naturais e zonas húmidas da Xunta de Galiza. Afortunadamente unha instalación que dependía da Deputación xa se está a desmantelar para a súa recuperación e renaturalización», explicou o alcalde. «Queremos recuperar toda a Xunqueira da Gándara, un total de 67 hectáreas. O concello ten un compromiso claro coa súa recuperación. É imposíbel facelo, iso si, se todas as dependencias ministeriais e autonómicas non cesan a súa actividade e non se trasladan a outro espazo para logo poder elaborar un proxecto de recuperación»,

Lores sinalou que ao longo dos últimos anos ten falado en «innumerábeis» ocasións cos responsábeis das nomeadas administracións para que «se fosen tomando decisións co fin de recuperar este espazo». «Agora, para que quede constancia por escrito, faremos esta petición formal pois cremos que é imprescindíbel. A posición do Concello de Pontevedra sempre será a de recuperar todos os espazos naturais, especialmente os situados en terreo marítimo-terrestre que sexan recuperábeis».