Desenvolvemento Sostible executa obras de mellora integral no parque infantil da Praza de Barcelos cun investimento duns 20.000 euros

45
  • O departamento que dirixe o socialista Iván Puentes vén de rematar a restauración da zona de xogos da Illa das Esculturas e porá en marcha nos vindeiros días as obras de reparación e posta a punto do parque infantil de Santa Clara

Dentro dos labores periódicos de mantemento que xestiona a Concellería de Desenvolvemento Sostible nos espazos de lecer da cidade, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a acometer uns traballos de reparación e posta a punto do parque infantil da Praza de Barcelos. Trátase dunha intervención integral cun orzamento duns 20.000 euros que permitirá subsanar as principais deficiencias que presenta esta área de xogo, que xa ten máis de 15 anos, e restaurar algúns dos seus elementos mediante labores de pintado, substitución de redes e pezas danadas ou en mal estado e arranxo do pavimento de céspede artificial.

Tal e como sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “trátase dunha actuación de mantemento e reparación que permitirá conservar o parque en boas condicións ata que se acometa a obra definitiva, xa no seguinte mandato”. Para esta vindeira semana, Parques e Xardíns tamén porá en marcha obras de reparación e posta a punto do parque infantil de Santa Clara (situado no lateral do Hiper Froiz).

Asemade, o departamento que dirixe Puentes vén de rematar unha actuación de restauración integral na zona de xogos infantís da Illa das Esculturas, cun investimento de máis de 6.000 euros. Os traballos incluíron a mellora do pavimento amortecedor (cun recheo de ‘garbanciño’), a limpeza das sendas, o arranxo de pezas deterioradas, a renovación das cordas e o pintado dos elementos de madeira.