Promoción Económica e Asociación de Autónomas lanzan talleres de Dixitalización, Visual Merchandising e Asesoramento ‘one to one’ para potenciar a actividade do pequeno comercio

30
  • Os obradoiros darán comezo nesta semana e desenvolveranse durante os meses maio e xuño. Todas aquelas persoas interesadas en inscribirse poderán facelo de balde na páxina www.apegalicia.gal, ata un máximo de 25 participantes por taller

No marco das accións de promoción comercial desenvolvidas no concello de Pontevedra e co obxectivo de potenciar a actividade do pequeno comercio, actualizando os coñecementos e competencias dos comerciantes mediante ciclos explicativos e reunións ‘one to one’, a Concellería de Promoción Económica e a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (Ape) lanzan unha nova batería de talleres de balde que darán comezo nesta semana e que se desenvolverán ao longo de maio e xuño. Nesta ocasión, os obradoiros centraranse en expoñerlles aos participantes de forma clara e concisa puntos quentes e fríos de cada establecemento, indicándolles como deben expoñer os seus produtos e como potenciar a súa imaxe de cara aos clientes a través dos seus escaparates, sen deixar atrás as novas tecnoloxías e as ferramentas do comercio electrónico.

Segundo apunta a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “os talleres teñen prazas limitadas, cun máximo de 25 participantes en cada un, e todas aquelas persoas que desexen inscribirse ou simplemente obter máis información poderán facelo a través da páxina web www.apegalicia.gal”. “As reunións de Asesoramento ‘one to one’ poranse en marcha na sede de Ape Galicia (rúa Gagos de Mendoza, 2) este luns 17 de abril e servirán para coñecer aos participantes e analizar polo miúdo as súas necesidades”, explica a socialista.

O taller de Visual Merchandising iniciarase o 24 de abril e contará cunha parte teórica na que o docente lles explicará os detalles a ter en conta para promocionar a súa imaxe corporativa e, posteriormente, cunha visitará aos negocios nas que axudará aos alumnos a mellorar aspectos como a distribución do punto de venda ou o deseño dun escaparate vistoso e práctico.

No obradoiro de Dixitalización, que dará comezo o 15 de maio, explicaráselles aos participantes, entre outras cousas, como poden empregar ferramentas coma o Whatsapp Business, os fundamentos teórico-prácticos dun e-commerce, a utilización das redes sociais no proceso de venda e mesmo algunhas nocións básicas de fotografía de produto para adaptalas ao proceso de venda por Internet.