As rúas Altamira e Antón Villar Ponte avanzan na súa transformación co fin de  recuperar e dinamizar o espazo público das súas contornas

55
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou o anteproxecto para a reforma dos distintos espazos que compoñen estas rúas, que inclúe a instalación de novo pavimento, mobiliario urbano, iluminación, mellora de servizos ou a plantación de árbores, entre outros elementos
A veciñanza do barrio tivo a oportunidade, a través de diversas xornadas de traballo, de aportar ideas e solucións de xeito colectivo na proposta que se levará a cabo no futuro 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá de venres, 14 de abril, o anteproxecto de reforma para as rúas Altamira e Antón Villar, situadas entre San Antoniño e Pai Fernando Olmedo. O rexedor estivo acompañado das encargadas do proxecto, Taller Abierto, ademais de representantes veciñais da zona, ao tratarse dun traballo participativo, realizado en estreita colaboración coa cidadanía.

«Estamos a falar dunha zona cuns edificios dos anos 60 que foron realmente innovadores no seu momento, pero que ao longo dos anos se foron degradando, especialmente nos anos 80 e 90, por mor da invasión do vehículo privado, extinguindo case por completo o espazo público do lugar», explicou Lores. «Moitos veciños e veciñas, preocupados pola convivencia, están tentando recuperar o barrio e a rúa. Para iso, tivemos varias reunións, contratamos a Taller Abierto e comezamos un proxecto que rematará coa reforma destas dúas rúas o día de mañá».

O rexedor quixo sinalar o carácter participativo do proxecto a través de diversas reunións e creacións de grupos de traballo «para ver como se podía poñer en valor tanto as vivendas como o espazo público». «Hoxe presentamos unha proposta consensuada, que por suposto non é unánime, iso nunca é posíbel, pero que si representa a unha maioría de persoas que queren darlle unha volta ao barrio e lograr unha calidade de urbana digna e apropiada».

Pola súa banda, Ana Barreiro e África Martínez, socias de Taller Abierto, afondaron nas claves ou puntos de interese, xunto coas posibilidades abertas, que propón o anteproxecto acordado coa veciñanza. Este primeiro documento nace dunha serie de reunións cos veciños e veciñas do lugar, que foron abertas na súa totalidade, «para que fose un proxecto consensuado. Non é un proxecto onde o técnico chega e fai a súa solución. Non. Foron recollidas as opinións de todos e todas as participantes, cunhas 30 persoas de media por xuntanza, onde nunca se impuxeron ideas, Senón que se procurou extraer a máxima información posíbel sobre que e como había que mellorar as rúas».

Dentro do anteproxecto contémplase a instalación de árbores para ofrecer zona de descanso ao longo da rúa, distinto e novo mobiliario urbano, mudanza de toda a iluminación ao longo das rúas, agochamento dos cableados eléctricos, pavimento uniforme para toda a rúa, retirada das prazas de estacionamento indefinido, creación de novas estancias para a socialización ou o cambio da varanda por unha máis lixeira que non supoña unha barreira visual. «Vaise abrir toda a rúa, vaise abrir todo o barrio», sinalaron as arquitectas. «Por suposto quedará garantido o acceso de vehículos para facer tarefas de servizos, carga e descarga ou entrada e saída de garaxes».

Tamén está prevista unha futura intervención artística en forma de murais na parte baixa dos edificios, se ben está por concretar como se realizará esta idea. «A reforma non e só estética, haberá unha reforma e mellora nas instalacións, como nas acometidas de gas, o cableado de iluminación, a recollida de pluviais… Falamos dunha transformación integral».

Xandre Otero, un dos veciños presentes na presentación, quixo aproveitar a implicación do Concello de Pontevedra á hora de atender a petición cidadá de mellora de todo o barrio. «Coido que somos como unha pequena aldea pola propia idiosincrasia deste espazo, algo que da pé a que haxa comunicación e capital humano entre veciños. A gran maioría cremos necesaria esta humanización».

O alcalde quixo finalizar a comparecencia indicando que se tentará contratar un proxecto definitivo no menor tempo posíbel, «coa idea de recuperar ese espazo público xa que non hai espazos de convivencia para a veciñanza que así o pide e así o precisa». «Coido que temos todos os ingredientes e elementos para facer unha actuación exitosa. Imos esforzarnos para que sexa posíbel, desde logo. Hoxe só podemos agradecer a implicación da veciñanza e o traballo de Taller Abierto».