‘Os libros para xogar’ protagonistas da XXIV edición do Salón do Libro que organizará máis de 300 actividades do 21 de abril ao 7 de maio  

79


A inauguración contará cun espectáculo exclusivo, conducido por María Lado e Lucía Aldao do que formarán parte o Coro do IES A Xunqueira I, a Escola de Danza Ballet Galicia, a Chouque Big Band e a representación de Colombia da man de Carolina Rueda e Diego Alejandro Ruiz

O evento contará con programación especial o 23 de abril Día do Libro  cunha troca de libros e apertura en horario continuo e os días 1 e 2 de maio, que contarán ao ser festivos, con horario e programación similar a da fin de semana.

A partir das 17h. estará habilitada a reserva de prazas para actividades de balde en www.salondolibro.gal e a venda de entradas para os espectáculos de pago e Ataquilla

O xogo estará moi presente  da man do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) a Asociación Juan XXIII, o proxecto Brazolinda e a Asociación Lúdica de Pontevedra Rotting Pizza

O Salón saírá do Pazo cunha exposición no Museo de Pontevedra, diferentes roteiros pola cidade, encontros con autores/as na Libraría Paz e a Rodalibros, que percorerrá 16 parroquias.

Tamén botará a andar a I Escola de Escrita Xuvenil o 26 de abril. Rematará o 6 de xuño e terá como froito unha publicación recopilatoria dos contos producidos nesta.

Non faltará o teatro, obradoiros, contacontos, espectáculos para bebés ou faladorios para público adulto coma ‘Remedios literarios. Que é a biblioterapia o sábado 22 de abril


Unha nova edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil abriá as súas portas en algo máis dunha semana e hoxe a concelleira de Cultura Carme Fouces acompañada da mascota do evento, Orbil, presentou a programación. Máis de 300 actividades que terán lugar do 21 de abril ao 7 de maio para achegar o libro e o xogo a cativada.

Fouces apuntou ao complicado de debullar unha programación tan ampla na que ademáis da cantidade, prima, como ben sendo habitual,  a calidade. “Estou aquí acompañada de Orbil, que están moi ben mantido grazas aos libro e o xogo, co programa e con estas mariquitillas – que así se chamaban na miña época – porque como ano do xogo que é quixemos rescatar estes recortables cos que pasamos tantas tardes e agardamos que os nenos/as gocen tamén. Imos xogar tamén coa literatura, o teatro, a música. Tamén estará moi presente a poesía, que dentro da literatura xoga coas palabra. Imos explorar a dimensión máis lúdica da literatura con máis de 300 actividades e demostrar que que ler é divertido e o xogo, unha peza moi importante do desenvolvemento cognitivo. Cun salón que auna ambas cousas, nada pode saír mal”

A concelleira quixo repasar en primeiro lugar a estrutura do programa que “ten as primeiras follas un manual de uso onde explica como e onde reservar prazas e mercar entradas, e recolle observacións para a boa marcha do Salón. Apuntou que hoxe a partir das 17h. estará dispoñible na web do Salón www.salondolibro.gal toda a programación e a reserva de prazas para actividades de balde e en Ataquilla, a venda de entradas para os espectáculos de pago ou a reserva, de balde pero obrigatoria para a clausura ‘Contos do Grunje’ da man de RockLab. Tamén atopamos ás 16 paradas que fará a Rodalibros, levando libro e actividades polas parroquias, o programa do congreso e as 13 exposicións que organiza este ano o Salón. Todas no Pazo menos  a que estará no Museo ‘Había outra vez’, inaugurada o sábado 22 ás 12h.

Logo de salientar que “venres, sábados e domingos serán os días máis cargados de programación, xa que entendemos que é cando as familias poden acudir con máis facilidade ao Salón, o luns 1 e o martes 2 de maio ao ser festivos serán tratados como fin de semana con programación cargada así que imos ter 4 días moi intensos seguidos. Tamén do 23 de abril Día do Libro contaremos con horario especial, continuado. Non pechamos a mediodía e faremos a troca de libros e programación especial”

Sobre a programación concreta, Fouces comezou por presentar o espectáculo inaugural, ‘Libros para xogar’ o venres 21 ás 18.30h: un espectáculo exclusivo creado para o Salón, conducido por María Lado e Lucía Aldao do que formarán parte o Coro do IES A Xunqueira I, a Escola de Danza Ballet Galicia, a Chouque Big Band e a representación de Colombia da man de Carolina Rueda e Diego Alejandro Ruiz. “Esa primeira fin de semana vai estar moi presente a cultura convidada, Colombia e queremos facer un chamado especial as familias colombianas residentes en Pontevedra para que acudan, gocen e intercambien experiencias”.

A concelleira destacou entre a numerosa programación os espectáculos onde a literatura e a música ao vivo estarán moi presentes: ‘Son de Contos’ o sábado 22 ás 19h. da man da Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela que contará co Orfeón Terra Nosa, a Banda Municipal de Santiago, a soprano Clara Panas e Ledicia Costas como narradora. Un proxecto de Vicente Couceiro a partir dos textos de Manuel Lourenzo González e Fina Casalderrey, musicados por Fernando Ruibal e Julius Andrejevas.

A recuperación do espectáculo de Fina Casalderrey, que se presentara durante a pandemia e con aforo reducido e retorna polo alto o sábado 29 tamén ás 19h. baixo o título ‘Imos cambiar o mundo! Danzando coas palabras’: unha historia de Fina Casalderrey con música de Néstor Blanco., dirixido e producido por Manu Albariñas e Mara Iglesias.  

O Premio Fetén 2022 chegará o domingo 30 ás 12.30h con ‘DES CONCERTO’ de Jordi Purtí e Orthemis Orchestra.

No  faltarán as colaboracións habituais con entidades musicais locais como a da Orquestra Sinfónica de Pontevedra co seu espectáculo en exclusiva para o Salón o festivo 1 de maio ás 19h. ‘Brinca, ópera infantil interactiva con composición de Brais González e o Coro infantil Álvarez Limeses ou  ‘Cantando e xogando’ do Coro Infantil do CMUS Manuel Quiroga o martes 2 ás 19h.

Haberá estreas como a de Pakolas, ‘Ramona pequena vai á Lúa’  ou  ‘Xogando con cores e cancións’ de Magín Blanco. Gramola Gominola, teatro con Wombo Combo de Galeatro o 26 de abril, día no que bota a andar a Escola de Escrita Xuvenil a cargo de Manuel Lourenzo González. Tamén danza, con ‘Persépolis’ de La Coja Dansa o venres 28. Non faltarán coma sempre os obradoiros, as visitas guiadas, actividades para bebés, etc. ou para público adulto, a maiores do congreso, as actividades na Libraría Paz ou o faladoiro de biblioterapia no Pazo.

O xogo, en todas as súas formas, estará moi presente durante todo o Salón a través de diferentes entidades como o Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) a Asociación Juan XXIII, o proxecto Brazolinda e a Asociación Lúdica de Pontevedra Rotting Pizza. E tamén videoxogos da man do MUVI.

O último día – 7 de maio –  terá lugar pola mañá a homenaxe a María Fe Quesada como ilustradora e o escritor Manuel Lourenzo Gonzalez e a clausura, ‘Contos do Grunje’ da man de RockLab que será de balde pero requir reserva a través da plataforma Ataquilla.com

Fouces quiso pechar lembrando que a Orbil Parade xa está pola cidade, co seu mapa de ubicación para que a cativada xogue a localizar as estatuas da mascota e manifestando “estamos moi contentas de abrir as portas – logo destes anos raros – con todo o esplendor. Estamos xa ambientando os espazos e penso que vai ser un lugar máxico para xogar e ler”