A Concellería de Deportes e Saúde botará a andar á cidade nunha nova edición do programa PonteAndadas

73
  • A andaina inaugural do exitoso programa municipal, que na pasada edición sumou a participación duns 1.400 asistentes, terá lugar este domingo 16 de abril cunha ruta panorámica polo Parque da Fracha

Unha nova ruta sobre A Canicouva será o escenario da primeira etapa do programa municipal PonteAndadas 2023, organizado polo Club de Sendeirismo Naturgaliza en colaboración coa Concellería de Deportes e Saúde, que dirixe Agustín Fernández, no marco do proxecto A Vida é Movernos. O calendario de camiñadas para esta tempada contempla 8 percorridos e dará comezo o domingo 16 de abril ás 10:00 horas con este traxecto circular de 13 kilómetros, con saída desde o párking-mirador do Parque da Fracha, prolongándose aproximadamente durante unhas 3 horas.

O PonteAndadas 2023 porase en marcha cun circuíto de dificultade media/baixa ao que os asistentes poderán apuntarse ata o venres 14 de abril, mandando un email á dirección ponteandadas@gmail.com, chamando ao teléfono 625 482 636 ou presencialmente na tenda Naturcamiña ubicada en Galerías Peregrina nº3. Na inscrición deberase indicar nome, apelidos, dni, data de nacemento e teléfono de cada participante. Cabe recordar que os que desexen participar deberán abonar 2€ en concepto de seguro de accidentes, que se poderá transferir tanto por bizum dirixido ao teléfono anteriormente citado ou ben mediante transferencia bancaria á conta de Naturgaliza ES82 2080 3116 0330 4000 8694.

O programa foi presentado hoxe á mañá nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, e os presidente e director técnico de Naturgaliza Club, Juan Romero e Javier Piñeiro. Fernandez amosouse agradecido co club pola organización do proxecto destacando que  “as PonteAndadas son un programa deportivo democrático no sentido de que todo o mundo pode facelas, cada un pode ir ao ritmo que considere oportuno e pode desfrutar dun día diferente coñecendo lugares do noso concello pouco coñecidos que merce a pena poñer en valor”. Por outra banda o concelleiro falou sobre os beneficios deste deporte sinalando que “andar é unha recomendación que se ven facendo dende sempre dende a OMS para mellorar a saúde das persoas tanto dende o punto de vista físico como mental” e as Ponteandadas son un evento “que favorece á empatía e a socialización”.

O presidente de Naturgaliza Club, que tamén agradeceu ao concelleiro o apoio sinalou que na organización das PonteAndadas “tentamos de darlle un toque para que sexa algo máis que unha andaina, este ano como novidade temos a andaina da familia”. Romero, tamén falou da repercusión do éxito das anteriores edicións, afirmando que “neste momento hai 156 persoas anotadas nas PonteAndadas na próxima ruta sen darlle prácticamenete ningunha visibilidade en medios de comunicación co cal teremos arredor de 200 persoas nesta primeira xornada”. Consecuentemente falou Piñeiro facendo referencia aos grupos de idade participantes, de xeito que “na PonteAndada máis numerosa que organizamos, fixemos unha estadística e daba unha media de idade de 59 anos,o que supón unha media alta con respecto ao habitual na práctica deportiva”.

Un total de 8 etapas comporán esta nova edición do programa, que como mínimo agarda repetir o éxito da pasada, na que entre tódalas etapas participaron un total de 1.349 persoas, das que un 70% deles foron mulleres, un 27% homes e un 3% menores de idade. As datas nas que se celebrarán as andainas das PonteAndadas 2023 serán as seguintes:

– Domingo 16 de abril: PonteAndada Panorámica Parque da Fracha. Saídas ás 10:00 horas desde o miradoiro da Fracha e cunha duración aproximada de 3 horas. Percorrido circular de dificultade media.

– Domingo 7 de maio: PonteAndada Camiño-Bértola. Saída ás 10:00 horas desde o Albergue de Peregrinos (estación Renfe) e cunha duración dunhas 2:30 horas. Percorrido circular de dificultade media.

– Domingo 11 de xuño: PonteAndada Familia-Pontillón do Castro. Saída ás 10:00 horas desde o Pontillón do Castro cunha duración, para a rapazada dunha hora e media aproximadamente e de 3 horas para os adultos. Dous percorridos circulares de dificultade media.

– Domingo 1 de outubro (andainas 4 e 5): PonteAndada Extrem e Mini Extrem-Lérez, Verducido, Alba. Saídas ás 8:30 e ás 10:00 horas desde o Multiúsos da Xunqueira. Dous percorridos circulares de dificultade media-alta. Extrem, 25 km e unhas 6 horas de duración, e Mini Extrem 13 km, unhas 3 horas.

– Sábado 14 de outubro: PonteAndada Nocturna-Semi Urbana. Saída ás 20:00 horas desde a Praza de España de 2 horas de duración. Percorrido circular de dificultade baixa. Previamente curso de iniciación á marcha nórdica.

– Domingo 12 de novembro: PonteAndada do Magosto-Bora. Saída ás 10:00 horas desde o Pavillón Municipal de Deportes, cun magosto ao final da ruta dunhas 3 horas de duración. Percorrido circular de dificultade media.

– Domingo 3 de decembro: PonteAndada de Nadal-Solidaria. Saída ás 10:00 horas desde o CD Rías do Sur (Pontemuíños) cunha duración estimada dunhas 3:30 horas. Percorrido circular de dificultade media-alta, con doazón para o Banco de Alimentos.

“Un aspecto positivo deste programa é que ao facerse ao longo do ano pódese apreciar o distinto que é practicar deporte nas diferentes estacións, nesta primeira andaina mesturamos dúas das rutas feitas polo concello para aproveitar as vistas á Ría”, sinalou Piñeiro.

Ponteandadas 16 de abril