Unha nova festa de sabores ‘mestizos’ convídanos a viaxar polo mundo sen saír de Pontevedra

494
  • O II Festival Gastronómico Mestizaxes, organizado pola Concellería de Promoción Económica e a Deputación no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, traerá á Praza de España entre os días 27 de abril e 1 de maio un abano de propostas culinarias de latitudes tan diversas como Brasil, México, Xapón, China, Estados Unidos, Venezuela, Corea, Colombia e Hawai
  • Ademais do propio festival, aberto ao público en xeral, tamén se desenvolverán uns Encontros Mestizos que plantexarán tres diálogos entre a cociña internacional e a galega e aos que só se poderá asistir mediante invitación

Trala óptima acollida da edición celebrada en novembro de 2021, cun clamoroso éxito de público (unhas 15.000 persoas) e máis de 10.000 tapas vendidas, o proxecto Pontevedra Capital Gastro regresa entre os días 27 de abril e 1 de maio cunha das súas iniciativas culinarias máis orixinais e senlleiras: o II Festival Gastronómico Mestizaxes, nado co obxectivo esencial de poñer en valor as cociñas de fóra que se practican na cidade e que enriquecen a nosa inxente oferta de sabores. O evento, que se desenvolverá nunha carpa instalada na Praza de España, convidaranos así a viaxar polo mundo sen saír de Pontevedra, aglutinando propostas culinarias de culturas tan diversas como Hawai (Mahalo Poke), Colombia (Lulo Gastrobar), Corea (La Culpa de la Gula), Venezuela (Arepas Gastrobar), Estados Unidos (Xhuao), China (El Cafetín), Xapón (Kenzo), México (La Catrina) e Brasil (La Croquetería El Crack).

Tódolos participantes foron convidados pola Concellería de Promoción Económica e a Deputación co requisito de seren establecementos hostaleiros da cidade que practiquen total ou parcialmente a cociña do país que defenderán. Ao igual que na súa primeira edición, Mestizaxes 2023 desenvolverá dúas actividades diferenciadas dirixidas a públicos diferentes:

  • Os Encontros Mestizos, consistentes en tres encontros que se celebrarán en distintos días (xoves, venres e sábado) entre a cociña internacional e a cociña galega, cunha conversa entre un profesional que practica a cociña de fóra e outra que exerce a cociña propia en establecementos hostaleiros de Pontevedra. Constará de dúas partes: primeiro as Conversas no Salón, cun diálogo sobre a historia que hai detrás da aposta por esa cociña na nosa cidade e sobre como chegou aquí o sabor dese país; pasando posteriormente do coloquio aos fogóns, cociñando xuntos, nas Conversas na Cociña. Un escenario habilitado na carpa da Praza de España servirá de marco para estes encontros, aos que só se poderá asistir con estrita invitación.
  • O Festival Gastronómico Mestizaxes, que ten un carácter máis lúdico e está dirixido ao público en xeral. Será inaugurado o xoves 27 de abril pola tarde (ás 20:00 horas) e celebrarase ata as 17:00 horas do luns 1 de maio nunha carpa de 15×40 metros, cunha superficie total de 600 metros cadrados e unha coidada decoración inspirada na temática deste evento, permitindo un aforo máximo dunhas 540 persoas. No interior da carpa montaranse 9 stands cun espazo de 4×2 metros, incluíndo un office que traballará a xeito de cociña. A carpa permanecerá aberta en horario de 12:00 a 00:00 horas.

O programa do Mestizaxes 2023 foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Concello nun acto no que participaron o deputado provincial Santos Héctor Rodríguez e os concelleiros de Promoción Económica e de Desenvolvemento Sostible, Yoya Blanco e Iván Puentes, quen animou aos pontevedreses a achegarse ata “un festival no que poderán degustar unha variadísima oferta culinaria internacional composta por unha serie de tapas salgadas e unha sobremesa propias da cociña de cada país presente, así como café de especialidade de orixe”. “A carpa -sinalou Puentes- contará ademais con animación musical en sesións vermú a cargo de diferentes DJ, polo que agardamos que, tendo en conta que esta segunda edición a imos celebrar en primavera, o ambiente sexa incluso máis animado e acolledor que o de 2021”.

O edil socialista lembrou que desde o Concello “sempre tentamos deseñar eventos e actividades que mariden a gastronomía co desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático” e, neste caso, “buscamos vencellar a cociña internacional ao kilómetro cero, porque iso é precisamente Mestizaxes: pratos típicos doutros países, pero que se practican en Pontevedra, por xente que aposta por Pontevedra para vivir a súa vida e para facer a nosa cidade máis internacional, máis mestiza e máis aberta a través da gastronomía”. “Outra parte importante, e máis tendo en conta que se celebra en primavera, é o apartado festivo, cunha presenza de animación musical máis aló da que houbo na edición anterior, con sesións vermú amenizadas por DJ e música”, sinalou.

Tal e como apuntou, “Pontevedra ten en marcha o desenvolvemento dun Plan de Sostibilidade Turística financiado por fondos Next Generation, no que as dúas concellerías estamos a participar, e a promoción da hostalería local e a organización de actividades deste tipo forman parte esencial dos seus proxectos, que buscan activar aínda máis o motor turístico de Pontevedra, cun turismo de calidade, sostible e que lle achegue valor engadido á cidade”.

Unha grande variedade de tapas salgadas e doces a entre 5 e 6 euros

A concelleira Yoya Blanco amosouse convencida de que o evento “vai ser un éxito, xa que na primeira edición o ‘petamos’ e nesta haberá máis e mellor”, cunha grande variedade de tapas salgadas e doces vendidas a unha media de entre 5 e 6 euros. Na súa opinión, Mestizaxes supón un escaparate para excelente cociña internacional que se fai na cidade, unificando toda a súa actividade na carpa da Praza de España, “onde tamén haberá este ano un escenario para os Encontros Mestizos, que incluirán un cociñado final e que son moi interesantes a nivel formativo”.

Pola súa banda, o deputado Santos Héctor Rodríguez expresou a súa satisfacción por “poder presentar unha iniciativa que ten moito que ver cos bos resultados turísticos e de ocupación que vivimos” e que agrupará durante catro días a restaurantes que representan a nove culturas culinarias diferentes, “dándonos a oportunidade de ver como traballan os seus produtos e de poder degustalos”. “Aínda que a cociña internacional está cada vez máis estendida, este evento ten ademais un apartado moi importante de convivencia, de saber convivir con aquelo que é un pouco diferente, aquelo ao que non estamos tan habituados. Animo a tódolos veciños e veciñas de Pontevedra, de toda a provincia e de máis aló a que se acheguen ata aquí para poder desfrutar destes sabores”, afirmou Rodríguez.