A rúa Almirantes Matos inicia o seu proxecto de reforma urbana integral que traerá máis espazos para a vida, o ocio e a posta en valor do patrimonio 

61
A remodelación tamén chegará ás rúas de Monteleón, da Fonte do Corvo e do Cruceiro, da man da creación de zonas para o paseo e o descanso, amais de novo mobiliario urbano e alumeado
Na procura dunha accesibilidade universal a rúa principal pasará a contar con plataforma única e o túnel baixo a ponte da Barca será revestido cun material branco que, en combinación coa nova luminaria, permitirá unha zona de paso máis amábel para a veciñanza 

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, presentou esta mañá o proxecto de reforma urbana integral para a rúa Almirantes Matos, a rúa de Monteleón, a rúa Fonte do Corvo e a rúa do Cruceiro. Trátase dunha actuación que mudará completamente o aspecto deste longo trazado, que vai desde a contorna da praza de touros até a rúa da Barca.

«Queremos crear unha gran rúa cun novo deseño de plataforma única que permita avanzar a todo o barrio cara a unha mellor calidade de vida e que sexa respectuoso co medio ambiente», indicou o edil. «Este proxecto fai que Pontevedra avance nos obxectivos marcados dentro das chamadas zonas de baixas emisións, construíndo, ademais, unha cidade equitativa na que non sexa preciso cobrar por circular».

O proxecto de execución, que está listo para iniciar o seu camiño administrativo, atenderá todo o espazo público que queda por reformar dentro desta zona, entre o Paseo de Colón e Corvaceiras. O Concello ten previsto investir 1.443.509 euros nesta remodelación, que inclúe a renovación de todos os servizos (abastecemento, saneamento, pluviais e alumeado) e que terá unha forte connotación de respecto polo medio ambiente por diversos motivos. Un deles será pola propia idea de promover a mobilidade activa, mais tamén a través do seu mobiliario urbano de ‘quilómetro 0’, ao ser proposto un tipo de mobiliario concreto desde o Concello, feito por Edigal, que incluiría bancos e papeleiras creadas no país.

Pola súa banda, para o alumeado está proposto un tipo de farola deseñada por Setga, con tecnoloxía LED, ofrecendo un maior rendemento enerxético e unha maior eficiencia. «Ademais, se ben hai distintos tipos de pavimentos ao longo da rúa, proponse un en concreto, unha lousa de ecogranit, semellante á utilizada na praza do Hospital Provincial, elaborada con materiais reciclados. Cremos que a selección do material debe ser esta para manter esa idea de preocupación polo planeta».

As rúas contarán con novas zonas de estancia, priorizando en case todo o seu trazado o uso de plataforma única pensando na accesibilidade universal, agás no primeiro tramo desde a contorna de San Roque, onde si aparecerá un carril en formigón (sendo así distinguíbel do resto da rúa). 

No caso da rúa Fonte do Cano manteranse as escaleiras por mor da súa verticalidade, mais mellorando a súa estética. Cómpre aclarar que se tentará deixar, «todo o que se poida», o pavimento orixinal da rúa por mor do seu valor neste eido, xa que garda relación «coa Pontevedra mariñeira, que tentaremos rescatar sobre o terreo, combinando accesibilidade e recuperación do patrimonio».

Gómez quixo facer fincapé na actuación do túnel baixo a Ponte da Barca, pois é o punto «de máis complexo tratamento de todo este espazo». O concelleiro sinalou que estes lugares son evitados por norma xeral polas veciñas da cidade debido á súa escuridade e a pouca seguridade que semellan ofrecer. «Para manter unha visión con perspectiva de xénero, que teña en conta estes problemas, aquí proponse unha actuación especial, onde se forrará todo o túnel co mesmo material que se utiliza nas fachadas ventiladas», explicou. «O importante é que será en branco e lacado, o que en combinación co novo alumeado aumentará a luminosidade do lugar. Recuperaremos un espazo que non sempre apetece transitar, mais tamén manteremos a visión da pedra que pode ser interesante amosar».

Seguindo o trazado, a rúa Cruceiro pasará a contar cunha praza «de enorme calidade urbana» na que tamén se refará a escaleira que sobe até a ponte da Barca e na que tamén será posta en valor a pedra que hai en toda esta zona (baixo o colexio das Doroteas), ao igual que o cruceiro que se atopa neste espazo.

«En resumo… Estamos diante dunha reforma integral destas rúas, un proxecto que case ascende até o millón e medio de euros e que leva o modelo de cidade até este espazo, como xa se fixo co Gorgullón. Así, o estudio de Vicente Rodríguez e Daniel Gómez Ayuso, arquitectos dese mesmo proxecto, repiten neste», indicou Gómez. «Avanzamos na calidade de vida, avanzamos nun modelo urbano equitativo, avanzamos con novos usos para a rúa promovendo a vida mesmas e avanzamos na promoción do patrimonio existente».