O Concello de Pontevedra asinará un convenio con Rías do Sur co fin  de garantir o uso das piscinas do complexo de Pontemuíños 

30
Até 200.000 euros investirá a entidade municipal para permitir adestrar aos clubs deportivos que fan uso destas instalacións, ademais de celebrar competicións
Lores lembra que queda por diante «ver como se xestiona a medio e longo prazo», abrindo a porta a que o Concello asuma a xestión do complexo nun hipotético futuro no caso de que a Fundación decida non facelo 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Deportes, Tino Fernández, compareceu esta mañá en rolda de prensa para informar da sinatura dun convenio coa Fundación Rías do Sur co fin de garantir o funcionamento das láminas de auga no equipamento de Pontemuíños até o 31 de decembro. O anuncio chegou logo dunha reunión con todos os clubs que facían uso destas instalacións e as súas piscinas.

«Poremos varias condicións para este convenio, sendo a principal a posta en marcha da piscina olímpica, ademais de que quede garantizado que todos os clubs relacionados con este complexo teñan o dereito de adestrar e competir ao», explicou o rexedor. O Concello realizará un investimento próximo aos 200.000 euros até final do ano, cifra condicionada a que a Fundación Rías do Sur xustifique tales gastos, derivados da posta en funcionamento desta parte da instalación deportiva. 

«O que está claro é que temos que sentarnos para ver como se xestiona no futuro a piscina olímpica. Non está decidido, pero, en todo caso, o Concello quere, por riba de todo, que o deporte de auga siga medrando, que os clubs teñan garantías de facelo adestrando e competindo e que no futuro todos os cidadáns poidan tamén facer uso deste espazo», sinalou Lores. Nese sentido cómpre sinalar que o uso da piscina olímpica esta rexido por unha fundación de interese público que creou un complexo nun terreo cedido polo Concello de Pontevedra. «As circunstancias, varias e diversas, entre as que figuran o abandono da concesión para a súa xestión por parte de Supera, fixeron que tiveramos un ano moi complicado. Hai que tomar unha decisión definitiva sobre esa xestión, por iso, de agora en un ano, comprometémonos a seguir traballando nese sentido».

Pola súa banda, o edil de Deportes, Tino Fernández, lembrou que por parte do Concello «hai a máxima dispoñibilidade para que os clubs teñan un lugar onde adestrar e disputar os seus encontros». «O Concello fará unha aportación importante, pero hai que solventar o problema definitivamente. Non podemos estar sometidos, nin nós, que non somos responsábeis nin a piscina é nosa; nin os clubs, a unha situación de tensión permanente. Hai que sentarse a falar coa Fundación, coa Xunta de Galicia se cadra, xa que é responsábel das fundacións na comunidade, e buscar unha solución».

Segundo o transmitido con anterioridade pola Fundación ao Concello, «en quince ou vinte días pode estar en funcionamento», comentou o alcalde, que tamén valorou a posibilidade de que a Administración local se faga cargo no futuro do complexo deportivo na súa totalidade, se a Fundación renunciase a este.