O Concello construirá un novo local social na parroquia de Bora 

48
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores presentou este mércores o anteproxecto, que derivará no derrubamento do antigo colexio do Pío e o levantamento dun edificio totalmente novo
O futuro equipamento contará con almacéns, aulas e oficinas, aseos, salón de actos e unha sala multifuncional de 150 metros cadrados para distintas actividades 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, presentou esta mañá o anteproxecto para a construción dun novo local social na parroquia de Bora. O obxectivo e crear un espazo de convivencia, dinamización e socialización onde se situaba o antigo colexio do Pío.

«A idea é a mesma que levamos facendo xa moitos anos, que non é outra que recuperar as antigas escolas unitarias, traballando para que todas as parroquias teñan a súa casa de cultura ou o seu equipamento social», indicou o alcalde. «En Bora tiñamos recuperada a do Salgueiral, mais está algo apartada do centro da parroquia. Este colexio estaba a ser usado pola veciñanza pero ten unhas características que o fan irrecuperable (accesibilidade, altura…) e que linda cunha estrada fóra de servizo (da que xa se pediu o transvase de competencias á Xunta para o Concello), polo que este edificio será derrubado na súa totalidade tal e como se acordou coa veciñanza, para ser erguido no futuro un novo edificio».

5
Recreaciós do futuro espazo.

O anteproxecto foi encargado logo de diferentes xuntanzas cos veciños e veciñas da zona para recoller as súas necesidades e peticións. «A construción dun novo equipamento socio-cultural, aproveitando a parcela existente de 1.200 metros cadrados, permitirá crear un lugar accesible, acorde aos tempos modernos, con case 600 metros cadrados construídos en dúas plantas e almacéns, quedando tamén unha zona verde de esparexemento», sinalou Lores.

O futuro edificio contará con diferentes estancias e posibilidades. Acollerá un salón de actos, despachos para oficinas ou aulas, un espazo multifuncional pechado de 150 metros cadrados, aseos… 

O Concello contempla un orzamento próximo ao millón de euros, se ben aínda estaría por concretar no proxecto básico de execución. «Agardamos que neste ano ou no próximo ano poidamos avanzar na súa licitación e construción para satisfacer as demandas da veciñanza desta parroquia, que precisaba dun espazo deste tipo», finalizou. «Estes equipamentos permiten máis vida no rural, permiten debater, conversar, xogar, gozar, facer exercicio… É algo fundamental para a cohesión social».