Os concelleiros Yoya Blanco, Carme Fouces e Iván Puentes reciben no Concello á activista afgana Massouda Kohistani

32

A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e mailos concelleiros Carme Fouces e Iván Puentes, recibiron esta mañá no Concello á defensora dos Dereitos Humanos Massouda Kohistani, que está na nosa cidade da man de Amnistía Internacional Galicia e que esta tarde protagonizará unha charla na Casa das Campás para dar a coñecer a situación actual das mulleres e as nenas afganas baixo o poder dos talibáns. Kohistani leva dende agosto de 2021 como refuxiada en España, cando chegou da man de Cepaim (fundación sen ánimo de lucro de Acción Integral con Migrantes) a raíz da toma de Kabul por parte dos talibáns.

Segundo asegurou, “desde que cheguei a Galicia síntome un pouco máis optimista pola reacción da xente, en especial do seu Goberno e de Amnistía Internacional, en relación á situación de Afganistán”. “Solicito que se axude ás mulleres afgás que loitan polos seus dereitos, contra os talibáns, e tamén que se apoie ao grupo militar que está a loitar fisicamente contra eles. Desde que os talibáns chegaron ao poder hai dous anos, moitas organizacións internacionais a prol dos Dereitos Humanos tiveron reunións cos eles para tratar de negociar, pero non houbo ningún resultado, non se acadou nada en canto aos Dereitos Humanos, os dereitos das mulleres, a educación e ao desenvolvemento. De feito, máis ben ao contrario, os talibáns -afirmou Massouda Kohistani- sempre trataron de que se respectase a súa ideoloxía, políticas e cultura… Pero a súa cultura non é a cultura de Afganistán. Ao seu xeito de entender, o papel das mulleres é ou na casa, ou baixo terra. Ningún Goberno ou organismo internacional pode aceptar esa ideoloxía. Eles queren manter á xente na ignorancia para poder seguir no poder”.

Investigadora e docente, membro no seu país da Unidade de Investigación e Evaluación de Afganistán (unha organización independente para a mellora da situación social) e da Afghan Women’s Network, foi ameazada de morte despois de convocar a primeira manifestación trala volta dos talibáns ao poder, xogando un papel clave no apoio as mulleres no proceso de evacuación das mesmas. Participante tamén da Jirga Nacional sobre Consultas para a Paz (o antecedente do Proceso de Doha para a Paz en Afganistán), defendeu a participación da muller na esfera pública, especialmente para acadar a representación feminina no Goberno.

A toma do poder polos talibáns a partir do 15 de agosto do 2021 supuxo un grande retroceso na defensa dos Dereitos Humanos acadados en Afganistán durante os 20 anos anteriores, onde se vivira unha certa estabilidade política e social. As mulleres e nenas volveron a quedar desprotexidas e perderon os dereitos conqueridos ata ese momento. Dende entón, perderon a posibilidade de estudar na escola ou cursar estudos universitarios e xa non poden ser donas dos seus propios negocios ou ocupar cargos públicos. Do mesmo xeito, estase limitando de novo a súa liberdade de movemento, expresión e asociación.

Dende a súa chegada ao noso país como refuxiada, como parte do proceso de evacuación que se produciu nos días seguintes á marcha dos Estados Unidos do territorio afgán, Massouda está tendo un papel moi activo na visibilización da situación da muller no seu país natal. Afincada en Barcelona, xa fixo varias xiras en colaboración con diversos grupos de Amnistía Internacional.