O Concello pide garantías á Xunta de que o parque eólico do Acibal non influirá na calidade da auga embalsada en Pontillón 

13

O inicio das obras está no nacemento do río Rons, afluente do Lérez e principal canle de abastecemento de Pontillón. 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías deu conta esta mañá do informe elaborado polo departamento de Medio Ambiente Natural remitido a Augas de Galiza e á Xunta de Galiza no que pide garantías do subministro e da calidade da auga do encoro do Pontillón do Castro. O Concello pide garantías de que a instalación dos aeroxeneradores do parque eólico do Acibal, situado no nacemento do río Rons, afluente do Lérez e unha das principais fontes de abastecemento do encoro de Pontillón do Castro, non afecta á auga embalsada.

Anabel Gulías resumiu que o informe pide que se determinen se existen posibles efectos adversos a esta canle fluvial, especialmente tendo en conta que o Pontillón é a reserva de abastecemento de auga potábel para todos os municipios da ría de Pontevedra.

A portavoz relacionou esta instalación coa licitación do contrato de enerxía da cidade, valorado en máis de 5 millóns de euros e que quedou deserto porque a porcentaxe de enerxía verde certificada que esixía o Concello de Pontevedra nos seus pregos (30%) supoñía un incremento “brutal” ao respecto do actual contrato. Pasando de 0,15 euros a máis de 50 euros, segundo Anabel Gulías.

Anabel Gulías recordou que “si as administracións queren traballar con enerxía renovable, non pode ser a costa da depredación dos recursos nin do peto dos cidadáns”.