O Concello pide á Xunta que informe publicamente dos expedientes abertos sobre Pontesa ante as queixas veciñais 

3

O Concello atende chamadas da veciñanza alertada polos cheiros que se desprenden da manipulación do gran queimado no interior da nave o pasado mes de novembro; e polos vapores de auga que se desprenden as toneladas de gran que aínda permanecen no interior. 

A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde fixo un chamamento á Xunta de Galicia para que informe sobre os traballos e os expedientes incoados ao respecto do incendio da nave de Pontesa, especialmente logo de que o Concello veña recibindo chamadas sobre os cheiros e columnas de vapor de auga que observan na nave e que preocupan á veciñanza.

Eva Vilaverde lembrou que “as chamadas son continuas” ao Concello e aos servizos de emerxencia, sen que a día de hoxe se teña información ao respecto dos organismos competentes.

A concelleira explicou que o incendio rexistrouse no mes de novembro e o concello trasladou os oficios de todo o sucedido e as medidas adoptadas polo Concello á APLU, a Costas e aos organismos de Industria tanto da Xunta como do Estado, así como á Consellería de Medio Ambiente e á Consellería de Cultura, por si se tratara dun edificio protexido.

Durante estes meses, o Concello “continuo preocupado” polo que tanto os bombeiros como a policía se trasladou en diversas ocasións a comprobar a situación real do recinto. A última vez foi o pasado 3 de marzo cando a Policía Local, a raíz de novas queixas veciñais, comprobou que a única actividade era o cribado do material ben para ser destinado a biomasa ou a descontaminación; detectou a existencia de malos cheiros “suponse que pola fermentación do grao”; non se detectaron verquidos ao río; e comprobaron que había madeira apilada no exterior das naves.

Esta situación volveuse a comunicar, de novo, á APLU, a Costas e a Industria sen obter resposta.

“Pedimos á Xunta que non actúe con escurantismo e que informe publicamente do que está a facer ou o que non está a facer”, indicaba a concelleira quen recordaba que “a nós non nos informan, e isto provoca inseguridade por parte dos veciños”.