Máis de 50.000 persoas traballan en Pontevedra segundo o estudo final do grupo G4 Plus da Universidade de Vigo

8

O informe final elaborado polo grupo G4 Plus de desenvolvemento estratéxico da UVigo baseado nos datos oficiais do Estado e da Xunta sobre altas na Seguridade Social e nas mutualidades, revela que Pontevedra é o gran polo xerador de emprego na comarca e un dos principais da provincia.
O índice de autosuficiencia de emprego sitúase por riba dos 142 puntos, moi superior aos concellos da súa contorna e, incluso, de Vigo.

O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o director do grupo G4 Plus Desenvolvemento estratéxico e territorios da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa, presentaron esta mañá o informe final da situación laboral do Concello de Pontevedra, logo de incorporar os datos das mutualidades: Muface, Mujeju e Isfas. O informe conclúe que “Pontevedra é unha cidade dinámica, con moita actividade económica e xeradora de emprego”, indicou o alcalde a modo de resumo.

O director do grupo G4 Plus, Pedro Figueroa, explicou que resultou complexo conseguir os datos das mutualidades porque non teñen obriga de publicalos. Sen embargo, os datos da Seguridade Social presentados hai tres semanas véñense a completar agora con este informe final. Mantívose o mesmo ámbito territorial de traballo: a comparativa cos concellos de proximidade como Sanxenxo, Poio e Marín, e coas localidades máis populosas como Vigo e Vilagarcía.

O informe conclúe que Pontevedra ten 35.243 veciños de alta laboral que poden traballar aquí ou en calquera outro punto. E os postos de traballo que xera o municipio son 50.310. O peso de altas na Seguridade social está entre o 87 eo 88%, fronte aos das mutualidades.

O balance de persoas residentes en Pontevedra de alta laboral en relación ao número de persoas dadas de alta en Pontevedra sexan residentes ou non no municipio, revela que 15.067 persoas están dadas de alta con posto de traballo en Pontevedra pero non residen no concello.

O índice de Autosuficiencia de emprego (resto de empregos menos residentes datos de alta) revela que é de 142,75, moi superior a outras localidades da súa área de influciencia e, incluso, das aglomeracións urbanas máis poboadas da provincia.

Pedro Figueroa concluiu que “Pontevedra se manifesta como un importante xerador de emprego”.

O alcalde recordou que “Pontevedra Xera máis postos de traballo que persoas están dadas de alta no concello”, o que desmostra que “Pontevedra non é unha cidade dormitorio, nin é a cidade do paro”.