Xuntos e a corporación municipal reivindican a importancia da inclusión con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down

14
  • A entidade social colocou unha pancarta conmemorativa na balconada da Casa da Luz
  • Profesionais e persoas usuarias da entidade participan tamén en varias sensibilizacións en centros educativos e clubes deportivos da contorna
  • Os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia iluminaranse esta tarde de amarelo e azul para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down

Con motivo do Día Mundial da síndrome de Down, que se celebra hoxe en todo o mundo, Down Pontevedra Xuntos quixo reivindicar a importancia da inclusión das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais colocando unha gran pancarta na balconada da Casa da Luz, situada na histórica Praza da Verdura.


Neste evento, Manuel Pérez Cabo, presidente de Xuntos, Paula Villaverde Gondar, coordinadora da entidade; e Laura Carballa e Laura Pérez, persoas usuarias da asociación, estiveron acompañados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Cultura, Carme Fouces; a  concelleira de Promoción económica, Turismo, Igualdade e Universidade, Yoya Blanco; o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; e o voceiro do grupo municipal socialista, Iván Puentes.


Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.


O presidente de Xuntos, Manuel Pérez Cabo, destaca que “o Día Mundial da Síndrome de Down é unha xornada para loitar contra os estereotipos que rodean ás persoas con esta alteración cromosómica” e salienta que “Down Pontevedra Xuntos leva 32 anos traballando pola inclusión e a eliminación de barreiras que impiden a súa participación social”.

Sensibilización na contorna


Ademais destes actos, Xuntos está a participar tamén en distintas actividades durante estas semanas co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre as capacidades das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

O CEIP A Lama (A Lama), o CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), o Colexio Plurilingüe Abrente (Sanxenxo) e a Escola infantil O Grupo (Marín) son os centros educativos nos que profesionais e persoas usuarias da entidade están a dar visibilidade á importancia de que todos os nenos e nenas compartan espazo nas aulas.


Ademais de nos mencionados centros educativos, tamén se realizou unha xornada de sensibilización no CAB Pontevedra, onde se fixo fincapé na importancia do deporte inclusivo para as persoas con algún tipo de discapacidade e se puxo de manifesto o moito que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden ofrecer á sociedade da que forman parte.


Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Pontevedra Xuntos e o movemento Down Galicia levarán a cabo para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down.

Acto central en Ourense


O Teatro Principal de Ourense é o escenario escollido pola Federación Down Galicia e as súas entidades para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down. Este acto, no que participan o alcalde de Ourense, o conselleiro de Sanidade e a Deputada de Igualdade, Benestar, Servizos Sociais e Emprego da Deputación de Ourense, entre outras autoridades, ten como principal obxectivo dar visibilidade ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e facer oír súas reivindicacións, centradas este ano na loita contra os estereotipos vencellados ao colectivo.

Iluminación dos principais monumentos de Galicia


Un ano máis, os principais monumentos das sete grandes cidades de Galicia tinguiranse de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down. Así, a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a Fonte de Catro Camiños na Coruña e as da Rúa Aragón en Vigo, a pasarela peatonal “Tanxurela” en Lugo, os concellos de Lugo e Pontevedra, a Ponte Romana de Ourense, o Teatro Jofre en Ferrol, o edificio da Deputación de Lugo, ou o edificio da Xunta de Galicia en San Caetano, entre outros, iluminaranse os vindeiros días 20 e 21 de marzo para dar visibilidade e concienciar á sociedade neste día tan destacado.

Campaña estatal #NoSomosUnEstereotipo


Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, as entidades Down de España lanzaron o pasado 10 de marzo a campaña “#NoSomosUnEstereotipo, somos mucho más”, co obxectivo de que a sociedade cambie a forma que ten de ver ás persoas coa síndrome de Down, que a miúdo está cargada de prexuízos e estereotipos que dificultan a súa inclusión.


Xeneralizacións como que son persoas cariñosas ou uns anxos, ou algunhas máis despectivas referidas a que levan unha vida sen aspiracións nin metas, ou que son persoas inactivas, que representan unha carga familiar, etc. contradinse coa realidade que viven as propias persoas coa síndrome de Down hoxe en día. Elas senten que teñen vidas plenas, cargadas de ilusións e proxectos e por iso reivindican unha imaxe acorde coa autonomía da que xa gozan, que lles dá acceso a unha vida sen límites.

O signo + como símbolo de apoio á campaña en redes sociais


As entidades Down de España levan a cabo este 21 de marzo unha potente campaña en redes sociais co hashtag #NoSomosUnEstereotipo, e convidan á sociedade a unirse a esta iniciativa, que aspira a converterse en Trending Topic en Twitter.


Para iso, piden que todas as persoas que queiran mostrar o seu apoio ao colectivo se fagan unha foto facendo o signo + coas mans, co que queren simbolizar que as persoas coa síndrome de Down son moito máis que un estereotipo e que teñen moito que achegar á sociedade.