Un ano máis, Pontevedra volverá contar coas mellores ciclistas do país ao acoller este domingo o Gran Premio Cidade de Pontevedra 

309
A proba deportiva é puntuable para a Copa de España feminina de ciclismo e xuntará a preto de medio milleiro de ciclistas na súa saída, na contorna das Corvaceiras
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na presentación da cita lembrando que o deporte «é sinónimo de calidade de vida» 

A Boa Vila volverá ser sinónimo de deporte de alto nivel esta fin de semana. O vindeiro domingo, 26 de marzo, a cidade acollerá por terceiro ano consecutivo a celebración dunha proba puntuábel para a Copa de España feminina de ciclismo.

Así, preto de medio milleiro de ciclistas participarán na saída desde As Corvaceiras para logo completar un percorrido de 99 quilómetros, pasando por Martín e até chegar ao Alto da Porteliña, para logo regresar ao punto de partida onde estará instalada a meta.

O Gran Premio Cidade de Pontevedra é o nome desta proba, unha cita que traerá até a Boa Vila á elite estatal do ciclismo feminino e mesmo internacional, pois está confirmada a presencia do pelotón nacional portugués, que competirá coas súas deportistas xuvenís e cadetes.

O percorrido traza seis voltas polo xa nomeado trazado e contempla tres categorías por idade: cadete, júnior e máster.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na presentación do evento esta mañá de martes, 21 de marzo, na Praza do Concello, onde tamén estiveron presentes representantes do ciclismo autonómico como o presidente da Federación Galega, Juan Carlos Muñiz, que fixo fincapé na «importancia que teñen estas probas para o ciclismo feminino galego».

«Coido que o deporte é sinónimo de calidade de vida, algo do que, humildemente, sabe Pontevedra. Esta cidade cada vez está máis especializada en acoller eventos deportivos de alto nivel e iso só pode ser un orgullo», indicou o rexedor. «Somos quen de promocionar todo tipo de deporte, incluíndo o deporte de base e o de elite. Somos capaces de competir a todos os niveis».

«Non sei como expresar a satisfacción que produce saber que hai xente que aposta por crear clubs aquí, galegos e pontevedreses. Podo dicirlles que sempre contarán co apoio do Concello de Pontevedra e da cidade», finalizou.