Os concelleiros Iván Puentes e Marcos Rey abrirán mañá os actos conmemorativos polo Día Mundial da Auga visitando unha instalación artística do alumnado de Artes do IES A Xunqueira I na Fonte dos Nenos

23
  • A céntrica praza pontevedresa amencerá ‘chea de lixo’ no marco dunha intervención protagonizada polos estudantes que participan no obradoiro de Comunicación de Guerrilla impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Concellería de Benestar Social e impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso)

A Fonte dos Nenos amencerá mañá, Día Mundial da Auga, chea de lixo, pero non se tratará dun acto vandálico, senón dunha instalación artística protagonizada polo alumnado de 1º de Bacharelato de Artes do IES A Xunqueira I, que participou nun obradoiro de Comunicación de Guerrilla impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Concellería de Benestar Social e impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso). Entre as cousas que poderán ver os transeúntes que se pasen por este céntrico espazo público a partir das 9:00 horas inclúense un volcán feito de materiais de refugallo, de onde parece beber un dos nenos da fonte, lixo que envolve unha das esculturas, unhas letras que nos conducen ata o ano 2050 e varios paneis cun acceso a un código QR nos que se explica a instalación.

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegaranse mañá a primeira hora ata a Fonte dos Nenos para comprobar o resultado desta acción, que os estudantes levan meses preparando como parte da materia de Proxectos Artísticos que imparte Blanca Barrio e que forma parte da iniciativa europea ‘People & Planet: un destino común’. Tal e como lembra Marcos Rey, “a comunicación de guerrilla é unha técnica comunicativa que busca xerar impacto e conciencia social, utilizando o espazo público para provocar unha reflexión na cidadanía”. “Neste caso, os mozos e mozas propoñen aos veciños e veciñas de Pontevedra unha reflexión en torno ao dereito a auga, a contaminación dos acuíferos e o futuro que nos agarda se seguimos por este camiño, poñendo o foco no ano 2050”, sinala o socialista.

O punto de partida foi a participación deste alumnado en tres obradoiros previos impartidos por Agareso, nos que aprenderon non só as peculiaridades que usa a comunicación de guerrilla, senón tamén a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global, e tamén comezaron a imaxinar a acción que mañá poderemos ver na Fonte dos Nenos.