O Teatro Principal acolle a última sesión de O Oficio de Vivir co filme ‘Que foi de Baby Jane?’

5
  • O Ciclo de Cine e Saúde Mental, impulsado pola Concellería de Benestar Social, dirixida por Marcos Rey, conclúe mañá coa produción de Robert Aldrich

Tralas proxeccións de ‘Amorodos Salvaxes’, ‘Os Tenenbaums’ e ‘O Servente’, o Ciclo de Cine e Saúde Mental O Oficio de Vivir chega ao seu fin mañá con ‘Que foi de Baby Jane?’, unha película estadounidense de 1962 dirixida por Robert Aldrich, que trata sobre a rivalidade entre dúas irmáns e o seu rencor, ademais da frustración polo que puido ser e non foi. Trátase dunha produción na que se pretende poñer de relevo o contexto imaxinario estadounidense, abordando asuntos como o éxito e a ancoraxe ao pasado. O filme proxectarase ao público pontevedrés no Teatro Principal na data citada ás 19:00 horas.

Esta última sesión do programa impulsado polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, xunto coa axencia de xestión cultural Taller Abierto, contará como é costume coa participación do director de Novos Cinemas, Suso Novás, e coa experta en Psiquiatría Julia Fraga, encargados de conducir o coloquio posterior e de achegar os seus coñecementos profesionais sobre o exposto na película.

Despois das tres exitosas xornadas celebradas os pasados 16 e 23 de febreiro e 15 de marzo, o concelleiro Marcos Rey amosa a súa satisfacción pola boa acollida, afirmando que “foi moi positivo para a cidadanía recuperar esta iniciativa que estivo parada trala súa primeira edición a causa da crise provocada polo Covid-19, que ademais puxo de relevo os problemas de saúde mental na sociedade”.