O programa do 8M continúa mañá pola tarde na sede do Centro de Información á Muller (CIM) cun Faladoiro Feminista que abordará a polémica Lei de Liberdade Sexual (‘Só si é si’)

5
  • O coloquio, presentado pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, e moderado pola xornalista María Varela, celebrarase entre as 19:00 e as 20:30 horas e terá como relatoras a Belén Rubido de la Torre, xuíza decana de Pontevedra titular do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en Violencia Machista; Dori Varas Noguerol, traballadora social da Oficina de Atención e Asistencia ás Vítimas do Xulgado de Vigo, e Rosa Fontaíña Pazos, coordinadora e voceira da Asociación da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo

O intenso e variado programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, continuará mañá pola tarde coa celebración dun Faladoiro Feminista que abordará a polémica Lei de Liberdade Sexual (‘Só si é si’). O agardado coloquio, presentado pola concelleira socialista Yoya Blanco e moderador pola xornalista María Varela, celebrarase na sede do CIM (Praza de José Martí, 1º andar) en horario de 19:00 a 20:30 horas, terá entrada de balde ata completar aforo e terá como relatoras a Belén Rubido de la Torre, xuíza decana de Pontevedra titular do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en Violencia Machista; Dori Varas Noguerol, traballadora social da Oficina de Atención e Asistencia ás Vítimas do Xulgado de Vigo, e Rosa Fontaíña Pazos, coordinadora e voceira da Asociación da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.

Tal e como explica Yoya Blanco, “o debate tamén se gravará para a súa difusión posterior na páxina web do Concello e nas redes sociais da Concellería de Igualdade, polo que aquelas e aqueles que non poidan asistir en directo, terán a oportunidade de desfrutalo e de coñecer os diferentes puntos de vista sobre a nova lexislación”. “O programa dos Faladoiros Feministas -avanza a edil do PSOE- pecharase o 29 de marzo cun coloquio literario centrado en ‘A incorporación da perspectiva feminista na literatura actual, moderado pola xornalista Chus Gómez e que contará coas autoras Ana Cabaleiro López e Lorena Conde Martínez, abordando o contido das súas obras ‘Deixádenos remar’ e ‘Velloucas e minchas’”.