Benestar Social colabora con Asseii nunha charla que abordará ‘Que é unha ostomía’ desde un punto de vista integral

14
  • A conferencia será impartida por María Flora Abilleira Torres, enfermeira estomaterapeuta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e terá lugar no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal en horario de 20:00 a 21:00 horas
  • O evento ten entrada de balde, ata completar un aforo de 88 prazas, e está aberto a persoas afectadas, familiares e ao público interesado en xeral

A Concellería de Benestar Social colabora coa Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (Asseii) na organización dunha charla formativa e informativa titulada ‘Que é unha ostomía? Unha visión integral’. A conferencia será impartida por María Flora Abilleira Torres, enfermeira estomaterapeuta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés) e pretende dar a coñecer en que consiste unha ostomía, abordando tódolos aspectos que rodean á unha persoa ostomizada e á súa contorna familiar, social, sexual, laboral, escolar, aspecto físico… Ademais, analizaranse os tipos de ostomías e as súas posibles causas e a importancia da figura das estomaterapeutas e presentarse o localizador de aseos para persoas ostomizadas de Fapoe (Federación de Asociacións de Pacientes Ostomizados de España).

Segundo explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “o evento terá lugar este venres 24 de marzo no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal (nº45, entrando polo portal lateral situado na rúa Javier Puig), en horario de 20:00 a 21:00 horas e está aberto a persoas afectadas, familiares e ao público interesado en xeral, con entrada de balde (sen inscrición previa) ata completar un aforo de 88 prazas”.

Todos aqueles que desexen obter máis información sobre esta actividade poden poñerse en contacto con Asseii a través do email digestivo.pontevedra@gmail.com ou do teléfono 698 191 366.