A Tropa do Clima volve á acción este 22 de marzo co gallo do Día Mundial da Auga: uns 200 alumnos de seis institutos de Pontevedra participarán nunha xornada de limpeza e plantación de carballos no contorno do río dos Gafos

52
  • A iniciativa, impulsada en colaboración coa Concellería de Desenvolvemento Sostible, incluirá unha charla do presidente da asociación Vaipolorío, Gonzalo Sancho, que se celebrará no paraninfo do IES Sánchez Cantón, así como cun tempo de convivencia entre os estudantes

A Tropa do Clima, unha rede de cooperación posta en marcha o ano pasado polos IES Frei Martín Sarmiento e Sánchez Cantón para implicar aos estudantes dos centros de Ensino Secundario de Pontevedra na creación de clubs Contra o Cambio Climático e en diversas intervencións medioambientais ao longo do ano, volverá á acción este mércores 22 de marzo co gallo do Día Mundial da Auga. Uns 200 alumnos e alumnas de seis institutos da cidade protagonizarán unha xornada de concienciación impulsada co apoio da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e que incluirá unha charla, unha limpeza por grupos polo treito urbano do río dos Gafos e unha plantación de árbores no contorno de Ponte Boleira.

Tomarán parte nesta iniciativa, organizada co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a crise mundial da auga e a necesidade de adoptar medidas que permitan acadar o ‘Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nº6: Auga e saneamento para todos antes de 2030’, o IES Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Valle Inclán, Sánchez Cantón, A Xunqueira I e A Xunqueira II. A xornada arrincará ás 10:00 horas no paraninfo do Sánchez Cantón cunha conferencia do presidente da asociación ecoloxista Vaipolorío sobre a importancia do río dos Gafos como contorno natural, organizándose posteriormente dous ou tres grupos de alumnos que actuarán como equipos de limpeza (cada grupo irá dotado de sacos de lixo, luvas e pértegas de recollida) no treito urbano do Gafos, algúns na zona de Campolongo e outros cara á súa desembocadura.

Os estudantes da Tropa do Clima reuniranse ás 12:00 horas nas inmediacións do muíño de Ponte Boleira (ao lado da avenida de Vigo) para realizar unha plantación simbólica de carballos, un acto no que tamén participará o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible. Os actos conmemorativos pecharanse cun tempo de convivencia entre os alumnos no propio contorno do río (en caso de choiva, levarase a cabo no pavillón do IES Frei Martín Sarmiento), finalizando arredor das 13:00 horas.

Segundo explica Iván Puentes, “a ONU establece cada ano un tema diferente para o Día Mundial da Auga e o de 2023 é ‘Acelerando o cambio’, facendo así fincapé na necesidade de adquirir compromisos en relación ao uso da auga e á xestión do seu saneamento”. “A conmemoración coincide ademais este ano coa Conferencia da ONU sobre a Auga, que se celebra en New York entre os días 22 e 24 de marzo e que supón unha nova oportunidade para buscar solucións á actual crise da auga e o saneamento”, apunta o socialista.

Tal e como sostén Puentes, “a loita contra o cambio climático concernenos e implícanos a todos e, nese sentido, A Tropa do Clima é o noso xeito de iniciar esa batalla desde o noso contorno máis próximo, concienciando ao alumnado sobre os problemas que se producen ao longo do ciclo da auga e que se atopan na orixe de moitos conflitos planetarios; a saúde, a fame, a igualdade, a educación, a industria, os desastres naturais e a guerra, entre outros”.