Os xardíns da Ferrería estrean catro ‘macizos’ presididos por chamativas especies vexetais nas zonas verdes que rodean a fonte de Casto Sampedro

49
  • O proxecto de renovación paisaxística impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible cun orzamento de máis de 35.000 euros, que tamén incluíu a transformación dos xardíns da Praza da Estrela, finalizarase coa plantación de novas especies de cores moi vivaces e a instalación dun sistema de rega que permitirá un aforro de auga de entre un 50 e un 80%

O proxecto de renovación paisaxística impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible nos xardíns da Praza da Ferrería estará completamente rematado nos vindeiros días. Despois de converter a Praza da Estrela nun espazo de elegancia e serenidade coa dotación de diversas especies de plantas de floración en tons brancos e suaves, a empresa adxudicataria Troquiña SL vén de completar as pezas máis singulares desta intervención: as catro zonas verdes que rodean a fonte dos xardíns de Casto Sampedro (San Francisco) estrean uns ‘macizos’ centrais elevados con forma ovalada e presididos por unha composición cromática que mestura plantas vivaces, perennes e de tempada, estudada para ter floración durante tódalas estacións do ano.

Tal e como explica o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, “a parte máis elevada destas pezas centrais está dominada por especies vexetais chamativas, como uns formium de cor vermella, que teñen follas semellantes ás das palmeiras (e que tamén podemos atopar nas medianeiras da avenida de Bos Aires, á altura do Mercado de Abastos), ou unhas guneras, caracterizadas polas súas grandes follas e habitualmente asociadas a zonas húmidas e xardíns de estanques”. “O proxecto, no que fixemos un investimento de máis de 35.000 euros -sinala Puentes-, terá o seu colofón coa plantación de máis especies de cores moi vivaces e a instalación dun novo sistema de rega que permitirá un aforro de auga de entre un 50 e un 80% en relación ao que viña funcionando ata o de agora”.

Deste xeito, ademais de mellorar o deseño paisaxístico e a calidade das zonas verdes existentes nun dos contornos máis nobres da cidade, a intervención tamén supón un novo paso adiante cara a unha xardinería máis sostible, resiliente e adaptada ás condicións do cambio climático, introducindo criterios de eficiencia e aforro no consumo da auga. Así, o novo deseño traduciuse nunha redución das zonas de céspede e a súa substitución por ‘macizos’ de plantas perennes vivaces de flor, o que permite unha moita maior eficiencia no aproveitamento da auga de rega, ao tempo que o cambio no sistema de difusión a goteo diminuirá o volume de auga empregado, como mínimo, á metade.

No que atinxe á distribución das distintas especies nos ‘macizos’, estas foron ordenadas en función do seu porte, situándose en orde crecente cara á súa parte alta: as de formas e cores singulares, como as guneras e os phormium, no alto, e rodeándoas, as plantas arbustivas, bulbos e flor de tempada, así como os diversos tipos de especies vivaces que se plantarán. A composición respecta a presenza e visión dos valiosos exemplares de camelia existentes nos xardíns de Casto Sampedro.

Iván Puentes considera que “esta actuación, nun dos espazos verdes máis emblemáticos da cidade, supón o claro exemplo do tipo de intervención que estamos a implementar para poñer en valor os xardíns da cidade e, ao mesmo tempo, mellorar a súa sostibilidade en base aos criterios marcados na nosa estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe ou no novo contrato de Parques e Xardíns, o maior da historia deste Concello, que puxemos en marcha este ano”.