O ‘flow’ verde e azul de Pontevedra doutórase no seo da Comisión Europea

50
  • O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, expón no encontro da rede comunitaria Greening Cities de Turín o modelo desenvolvido pola estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, defendendo que “as únicas cidades posibles no futuro son aquelas que aposten polo asentamento de industrias verdes, non contaminantes”
  • Entre as propostas plantexadas por Puentes para o deseño dos criterios que a UE terá en conta nos seguintes fondos europeos (a partir de 2025) inclúense a incorporación de iniciativas privadas como as impulsadas polas comunidades de montes, que as vilas e pequenas e medianas cidades se convertan en obxectivos estratéxicos e que se prime a aquelas rexións e zonas de Europa caracterizadas pola dispersión poboacional 

Ademais dun verbo, a palabra inglesa ‘flow’ tamén se emprega como sustantivo para facer referencia a un estilo de vida, a un xeito de vivir. O ‘flow’ da revolución verde e azul impulsada nosa cidade pola Concellería de Desenvolvemento Sostible a través da estratexia Pontevedra Flúe aterrou esta tarde en Turín da man do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, para propagar o seu modelo no seo da Comisión Europea a través dun dos seus foros máis influíntes en materia de políticas medioambientais: a primeira reunión formal, física, do Parnertship Greening Cities, que xuntou na capital do Piamonte a representantes doutras 7 urbes europeas (Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque) e de 14 entidades rexionais, nacionais e europeas, entre elas algunha tan importante como Eurocities ou o Banco Europeo de Investimentos (a institución europea que decide na práctica cantos cartos se destinan a fondos como os Next Generation e con que criterios se distribúen esas achegas).

Unha alianza comunitaria estratéxica deseñada pola Comisión Europea para impulsar políticas de renaturalización de cidades e a loita contra o cambio climático e na que Pontevedra representa ao noso país, ao seren a única cidade española seleccionada para formar parte da mesma. No transcurso da reunión, convocada no marco da 5ª edición do Cities Forum, un evento bienal que reunirá a actores urbanos claves a nivel europeo, nacional, rexional e local, comprometidos co obxectivo de acadar un futuro verde e xusto para as cidades, que se celebrará entre mañá e o venres nas instalacións das Officine Grandi Riparazioni (OGR) de Torino e no que tamén participará o socialista, Iván Puentes incidiu no papel de Pontevedra Flúe (‘Pontevedra Flows’) como “unha estratexia non só local, de transformación verde e azul da nosa cidade, senón tamén como unha estratexia europea, de xestión de fondos comunitarios, que pode servir de inspiración a outras urbes naquilo que nos pide a Comisión: a integración dos ríos e espazos naturais na trama urbana da cidade e no día a día dos veciños e veciñas, facendo cidades máis agradables e saudables, nas que hai tempo para o lecer e espazos de convivencia para a cidadanía, que apostan pola mobilidade peonil e ciclista, na que os servizos están a unha distancia de 15 minutos a pé…”.

“Non só temos boas intencións para facer isto realidade, senón unha estratexia pensada, redactada e orzamentada, que é Pontevedra Flúe, con 20 proxectos estratéxicos que suman case 30 millóns de euros, para poder desenvolver nos vindeiros anos. Nela estamos implicadas tódalas administracións independentemente da cor política: o Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, traballando man a man para poder facelos realidade. Pese ás resistencias que aínda existen, as únicas cidades posibles no futuro -subliñou Iván Puentes-, xa non só desde o punto de vista da saúde e do lecer, senón tamén da xeración de emprego e de creación de riqueza, son aquelas vencelladas á economía verde. As cidades industriais, de industria pesada e contaminante, están caducadas. As cidades que van liderar a economía galega, española e europea son aquelas que aposten polo asentamento de industrias verdes, non contaminantes”.

A rede comunitaria Greening Cities ten unha duración dalgo máis de dous anos, que culminarán coa elaboración dunha proposta que se elevará á UE para a planificación dos seguintes fondos europeos tralos Next Generation (despois de 2025) e que están chamados a financiar o reverdecemento das cidades europeas. Entre as ideas que Iván Puentes levou a esta reunión, e que servirán de punto de partida para este documento, inclúense as seguintes: “A primeira é que, á marxe dos investimentos públicos e dos concellos, Europa teña en conta tamén os investimentos da iniciativa privada, xa que por exemplo, no caso de Pontevedra, resulta moi relevante o que fagan as comunidades de montes, que posúen unha grande cantidade de superficie forestal que debemos poñer en valor e integrar na estratexia da cidade; e en segundo lugar, coa visión do Nordeste de España, propuxemos outras dúas cuestións: que ademais das grandes cidades europeas, se teñan en conta e sexan obxectivos estratéxicos de financiamento as vilas e as pequenas e medianas cidades; e que se prime a aquelas rexións e zonas de Europa que estamos caracterizadas pola dispersión poboacional, nas que evidentemente moito máis caro prestar servizos e trazar esas estratexias verdes e azuis”.

Na reunión de Turín participaron, ademais da delegación pontevedresa encabezada por Puentes, Miran Košpenda, da Asociación de Municipios Urbanos de Eslovenia; Marie Tvrdá e Ondřej Dostál, do concello de Ostrava; William Jans, de Bolduque; Anni Nousiainen, de Tampere; Gitty Korsuize e Ruda van Ravensteijn, de Utrecht; Iordana Eleftheriadou, da DG Grow da Comisión Europea; Thomas de Bethune, da DG Regio da Comisión; Margit Noll, de Driving Urban Transitions; Alexandru Matei, do equipo da European Urban Initiative (EUI); Heather Brooks, de Eurocities; Gerry Muscat, do Banco Europeo de Investimentos; Federica Risi e Martin Grisel, da European Urban Knowledge Network; Cristina Clotet Ollé, do Instituto Catalán do Solo (Incasol); Silvia Iodice, do Joint Research Centre; João Lopes, da Área Metropolitana de Lisboa; Anna Wycech e Ilona Kotarska, da Marshal’s Office of the Mazowieckie Voivodeship; Sara Dzierżak-Wysocka, do Ministerio de Fondos para o Desenvolvemento e Políticas Rexionais de Polonia; Bogdan Micu e Liviu Băileșteanu, do Ministerio de Desenvolvemento, Emprego Público e Administración de Romanía; Bojan Linardić, Ines Androić Brajčić e Ingrid Gojević, do Ministerio de Planeamento Físico, Construción e Activos do Estado de Croacia, e Karen van Dantzig e Robert-Jan van Lotringen, do Ministerio de Interior e Relacións do Reino de Países Baixos.

A participación de Pontevedra no encontro do Partnership Greening Cities, no que Iván Puentes puido expoñer toda a experiencia e perspectiva da Concellería de Desenvolvemento Sostible (que ten como paradigma a estratexia Pontevedra Flúe), permitirá que a nosa cidade xogue, coas súas políticas verdes e modelo urbano, un papel esencial no deseño da Axenda Urbana para a UE, ao entrar de cheo no circuíto europeo de urbes e entidades que definirán a política e os instrumentos de financiamento de infraestrutura verde e azul da UE. Tal e como expresou Iván Puentes, “isto significa que pasamos a formar parte da locomotora das cidades europeas que impulsan políticas verdes e azuis e que teñen a misión de asesorar á Comisión Europea no deseño destas políticas para o conxunto da UE durante os vindeiros anos e, ademais, que contamos con acceso directo a tódolos axentes fundamentais que se moven neste eido, o que facilitará a captación de novos fondos comunitarios”.

O liderado de Pontevedra no Green Gap

Non obstante, as achegas realizadas pola alianza de Greening Cities reflectiranse nun Plan de Acción que será aprobado e adoptado pola Comisión e que ten un horizonte temporal de tres anos (entre 2023 e 2026). Ademais de exhibir os principais proxectos enmarcados na estratexia Pontevedra Flúe (o ambicioso destape do Gafos, a conversión da antiga ponte do ferrocarril nun balcón sobre o Lérez, a recuperación das súas ribeiras como áreas de lecer para a cidadanía, o control das crecidas do Valdecorvos para acabar cos asolagamentos en Padre Fernando Olmedo, a recuperación medioambiental da Xunqueira de Alba…), Puentes tamén exhibiu ante os seus ‘colegas’ europeos o liderado de Pontevedra na candidatura do proxecto Green Gap, de impulso de infraestruturas verdes locais para a restauración da biodiversidade, a renaturalización e o deseño de paisaxe resiliente ante o cambio climático das zonas urbanas e rurais de Galicia e o Norte de Portugal, que aspira a obter financiamento do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España-Portugal (Poctep), dentro do Interreg.

Segundo lembrou o portavoz municipal do PSOE, esta iniciativa conta cun orzamento de máis de 3,3 millóns de euros e nela están implicados representantes de 11 entidades: ademais do Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense; os municipios lusos de Guimarães e Paredes de Coura; o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia; o Instituto da Conservaçao da Natureza e das Florestas (Icnf) e a Agência Portuguesa do Ambiente (Apa); as universidades da Coruña e do Minho; o Laboratório da Paisagem, e a Fundación Ceer (Centro de Estudos Eurorrexionais). Entre os seus obxectivos inclúense os de protexer, conservar e potenciar a natureza, especialmente nos espazos naturais protexidos, e os elementos que conforman a infraestrutura verde na área transfronteiriza, así como deter a perda de biodiversidade e poñer en valor os ecosistemas naturais. Tamén se integra nesta iniciativa unha perspectiva de mitigación e adaptación ao cambio climático e aos seus efectos, fomentando a prevención e xestión de riscos e deseñando unha paisaxe resiliente mediante a rexeneración medioambiental, a mellora ecolóxica dos espazos verdes e a inclusión de solucións baseadas na natureza.

A subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica ao proxecto para destapar o río dos Gafos e ao ‘PXOM’ de espazos verdes

Ademais, Iván Puentes tamén puxo en valor a adxudicación, por parte da Fundación Biodiversidade (adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica), dunha axuda procedente dos fondos europeos Next Generation para o paquete de proxectos presentado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural á convocatoria para o fomento de actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. Estas actuacións teñen un valor global de 3.958.629,48 euros sen IVE (4.789.941,67 euros sumando o IVE), dos que a Fundación Biodiversidade financiará nun 95% tanto os 3.657.282,38 millóns que corresponden á parte do orzamento do Concello (3.474.418,25 €) como os 301.347,11 euros que corresponden ao da Universidade da Coruña (286.279,75 €), que tamén colabora nalgún dos proxectos (deses 3,6 millóns, o Concello de Pontevedra asumiría polo tanto o 5% restante e mailo IVE, sumando deste xeito, coa parte da Universidade, un investimento de máis de 4,7 millóns de euros).

Entre as actuacións propostas inclúese o plan do socialista Iván Puentes para destapar o treito urbano do río dos Gafos, ao seu paso por Campolongo, e convertelo nun fermoso parque fluvial dun tamaño de 81.000 metros cadrados, equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón de Pontevedra. Unha intervención estratéxica que recibirá concretamente unha achega económica duns 2,3 millóns de euros (co IVE). Tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano, unha sorte de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pero de espazos verdes, á que se destinará unha achega de 91.581,74 euros (110.813,90 euros co IVE) e que é un documento estratéxico que a UE vai esixir a partir de agora para calquera candidatura de fondos europeos que teñan como finalidade a compoñente medioambiental.

Así mesmo, entre as accións concretas recóllense a mellora ecolóxica e paisaxística no contorno do parque de Rosalía de Castro e a avenida de Compostela (a carón do Lérez), coa inclusión dun sistema de drenaxe sostible, cun orzamento de 923.456,51 euros (1.117.382,37 € con IVE); a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras como acacias, eucaliptos e cangrexo americano, cun orzamento de 304.571 euros (uns 368.530 € con IVE), e a recuperación ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals), cun orzamento de 157.569,40 euros (máis de 190.000 € co IVE).

A axenda de Iván Puentes na primeira xornada do Cities Forum 2023

Iván Puentes estará presente nas seguintes mesas do Cities Forum 2023 que se celebrarán mañá, a partir das 17:00 horas, nas Officine Grandi Riparazioni (OGR) de Torino:

  • Unha denominada ‘Greening cities na UE: enfoques estratéxicos para abordar o clima e os retos medioambientais’, na Sala Fucine, que terá como relatores, entre outros, a Ane Itziar Velasco, xefa da Área de Estudos, Avaliación e Diagnose de Sostibilidade do Centro de Estudos Ambientais (Cea) de Vitoria-Gasteiz, coa que Puentes mantivo un encontro en novembro do ano pasado para coñecer o modelo verde impulsado na capital alavesa; Patrick Child, director xeral adxunto da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea; Susa Eräranta, directora da unidade do proxecto Climate na cidade de Helsinki; Normunds Popens, director xeral adxunto para a Implementación da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) da Comisión Europea; Gitty Korsuize, ecoloxista urbano da cidade de Utrecht, e Irene Bonvissuto, responsable de políticas de Desenvolvemento e de Adaptación ao cambio climático da Dirección Xeral de Acción polo Clima (DG Clima) da Comisión.
  • Outra (no Binario 3) que levará por título ‘O papel e os retos das pequenas e medianas áreas urbanas á hora de achegar Europa aos cidadáns e impulsar a transición verde’ e terá como relatores a Vítor Paulo Gomes Pereira, presidente do Município de Paredes de Coura, socio principal de Pontevedra no proxecto Poctep-Interreg Green Gap; Alessandro Rainoldi, xefe da Unidade de Desenvolvemento Territorial da Comisión Europea; Marek Teplansky, xefe da Unidade de Crecemento Inclusivo e Desenvolvemento Urbano e Territorial da DG Regio da Comisión; Carlotta Fioretti, responsable de Estratexias de Desenvolvemento Urbano e investigadora da Comisión; Carolina Perpiña, analista da Unidade de Desenvolvemento Territorial da Comisión; Teresa Alonso Montejo, tenente de alcalde do municipio cordobés de Lucena, e Kieran McCarthy, concelleiro do Concello de Cork e membro do Comité Europeo de Rexións, entre outros.

O programa do Cities Forum inclúe una sesión de debate sobre ‘Cohesión e recuperación en cidades’ protagonizada polos alcaldes de Turín, Stefano Lo Russo; Gdansk, Aleksandra Dulkiewicz; Eindhoven, Jeroen Dijsselbloem; Nicosia, Constantinos Yiorkadjis; Ciortesti, Alina Apostol, e Esplugues de Llobregat, Pilar Díaz (deputada da Deputación de Barcelona).

As cidades e entidades que conforman o Partnership Greening Cities poden consultarse a través do seguinte enlace: https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1nXJAWDPwewK4tiqzKtFMlCzjxBymlNc&ll=51.5051541041205%2C8.48572164999999&z=4

Dispoñen do programa completo do Cities Forum na páxina web https://www.citiesforum2023.eu/