Monte Porreiro contará cun novo pavillón municipal de deportes  grazas a un investimento de 3,5 millóns de euros 

50
O novo equipamento deportivo estará especializado en acoller adestramentos e competicións de tenis de mesa, mais tamén solucionará as demandas dun espazo cuberto para actividades extraescolares da EEI Fina Casalderrey e outras Anpas
Hai conversas coa Xunta de Galicia para que este futuro espazo pase a acoller tecnificación deportiva, é dicir, sexa usado pola elite galega en preparación a través do CGTD 

Monte Porreiro contará cun novo pavillón municipal especializado en tenis de mesa. É a premisa base do proxecto presentado hoxe polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández. Este novo equipamento deportivo tamén poderá ser utilizado para actividades extraescolares do EEI Fina Casalderrey, que estará ao seu carón.

«Sei que me repito, sei que sempre comezo as roldas dun xeito parecido, pero é que é así: Pontevedra é unha cidade cunha forte vinculación co deporte», sinalou o concelleiro de Deportes. «Desde o Goberno hai unha aposta polo deporte en todas as súas facetas, algo totalmente demostrado ao longo dos anos, e máis aínda neste mandato, coas diferentes melloras realizadas ou anunciadas dentro da área deportiva».

Tino Fernández indicou que Pontevedra e a súa cidade son xa unha enorme instalación deportiva, «onde a xente pode camiñar, pode ir coa bicicleta ou correr todos os días; e así o permitiron os cambios na mobilidade pensando nas persoas». «Aquí non se vén a vender fume, vimos vender proxectos que van ter visibilidade nun espazo de tempo relativamente curto. É un motivo de orgullo e de alegría ver como os proxectos van saíndo adiante».

O alcalde comezou a súa intervención explicando que o barrio de Monte Porreiro contará no futuro próximo cunha instalación do máximo nivel. O actual pavillón municipal será derrubado para dar pas a unha nova estrutura, máis moderna e ampliada, que mudará totalmente de aspecto, ademais de mellorar as conexións ao redor do edificio. «A práctica deportiva precisa no século XXI doutro tipo de características para o seu uso, afondando na especialización de utilizacións. Durante moito tempo pedimos opinións para ver se o antigo edificio podía ser remodelado, pero chegouse a conclusión de que era imposíbel, que o que había que facer era un pavillón completamente novo. Este é o proxecto básico que presentamos hoxe e do que xa se está a elaborar o proxecto de execución».

O novo pavillón estará centrado no tenis de mesa. Na actualidade, o barrio acolle o mellor club de Tenis de Mesa, cunha base «importantísima», que logrou chegar até Europa —fito que podería repetir este ano— e que está, como moitos outros deportes, «malvivindo nunha serie de instalacións que non son as axeitadas para a súa práctica deportiva, e por iso agradecemos a axuda do Príncipe Felipe, que ceden o seu espazo para que este club resista». Ademais, o rexedor adiantou que o Concello está mantendo conversas coa Xunta de Galicia, para que este novo equipamento sexa tamén para tecnificación deportiva, disciplina que o CGTD non acolle na actualidade, pasando así a estar esta modalidade tamén na Boa Vila, e sacarlle a máxima rendibilidade ao novo espazo, pasando a ser un referente inmediato a nivel galego.

«Hai unha serie de necesidades que tamén cubrimos con este pavillón, aquelas que veñen das actividades extraescolares, especialmente das do EEI Fina Casalderrey, se ben poderá ser usado por outras Anpas, con fin de facer actividades a cuberto con tódalas garantías, sendo esta unha demanda que existía e que quedará solucionada», sinalou Lores. Esta zona multiusos e multideporte estará situada no semi-soto do edificio «que na práctica non é tal, xa que está a nivel con esa parte da rúa polo desnivel da zona», e que terá uns 750 metros cadrados de instalacións deportivas, ademais de baños.

A proposta arquitectónica foi seleccionada dentro dun concurso público, gañado por Uña+amandi —estudo que tamén realizou o proxecto de rehabilitación da antiga casa consistorial—, destacando polo seu deseño e modernidade. Contará con todos os sistemas de optimización e eficiencia enerxéticas máis avanzados e a súa característica máis importante será a pista deportiva de máis de 1.200 metros cadrados para práctica deportiva do Tenis de Mesa. Contará coa altura necesaria para alta competición, poderá ser dividida, gradas para o público —200 asentos—, luz suficiente, climatización, accesos rodados, etcétera. 

«Cada vez as instalacións deportivas están máis especializadas. Só hai que pensar nos equipamentos cos que conta a cidade e nos que están por vir», contextualizou Lores. «Estou encantado de poder presentar este equipamento de altísima calidade». Contará cun orzamento de 3,5 millóns de euros.