O Concello aproba presentar un incidente de nulidade de actuacións fronte á sentenza do Tribunal Supremo no caso Ence 

41
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, informou que esta será a primeira das accións fronte a nomeada sentenza, ao tempo que se defenderá a recuperación da ría «por terra, mar e aire» 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, compareceu en rolda de prensa na mañá deste luns, 13 de marzo, para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Alén dos puntos incluídos na orde do día, a edil subliñou outras cuestións tratadas durante a xuntanza, como foi a recepción do informe do servizo de Asesoría xuridíca do Concello sobre a sentenza do Tribunal Supremo e Ence.

«Durante estes días estívose traballando arreo en varios servizos municipais, destacando o nomeado servizo de Asesoría xurídica, ao redor desta sentenza que recibimos e na que se estimaba o recurso de casación presentado pola empresa», contextualizou a edil. «Quero lembrar as declaracións do alcalde, de termos a obriga fronte aos veciños e veciñas de Pontevedra de recuperar e reivindicar ese espazo público ocupado pola pasteira, por terra, mar e aire. Así se está facendo e así se lle encargou ao servizo».

A primeira das accións fronte a nomeada sentenza, considerada «inxusta» e comunicada hai uns días polo Supremo xa está en marcha. «Imos presentar, logo da súa aprobación en Xunta de Goberno Local, unha incidente de nulidade de actuacións», sinalou Gulías. A cuestión previa a ter en conta é que o informe dos servizos xurídicos municipais presentado no seu día contra a prórroga concedida a Ence, e admitido pola Audiencia Nacional, esgrimía cinco argumentos que poderían poñer en cuestión a continuidade da pasteira na ría. A Audiencia Nacional só tomou en consideración o primeiro deles, que aludía ao artigo 32 da Lei de Costas, e non entrou no resto de argumentos. Así, o Supremo tampouco o fixo, polo que os técnicos municipais consideran  este feito unha «indefensión» dos intereses da administración municipal.

«O Tribunal Supremo estimou totalmente o recurso de casación, o que nos xera indefensión, xa que non só argumentabamos que a situación da fábrica era un motivo central, senón que había moitos máis motivosc, como pode ser a falta de concorrencia pública nesa prórroga», explicou a edil. «Aprobamos facer un incidente de nulidade de actuación, polo que se pide paralizar o estimado polo Supremo e volver á Audiencia Nacional para que se xulguen cada un dos argumentos e motivos esgrimidos pola nosa banda, no nos recurso, e defendernos con todas as garantías cun proceso xudicial xusto, igualitario e efectivo».