Desenvolvemento Sostible inicia este mércores a poda dos ficus da rúa Joaquín Costa

12
  • Os traballos, demandados pola veciñanza, prolongaranse durante uns cinco días e serán realizados por catro operarios coa axuda dun camión con plataforma elevadora, unha camioneta para recoller os restos e unha trituradora

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, acometerá nestes días a poda dos ficus existentes en toda a rúa Joaquín Costa (uns 16), tal e como demandan os veciños desta zona. Os traballos iniciaranse o mércores 15 ás 8:00 e prolongaranse durante uns cinco días.

Segundo explica o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, “a poda será bastante intensa co obxectivo de reducir de xeito moi substancial o volume que ocupan as pólas das árbores”. As obras serán realizadas por catro operarios coa axuda dun camión con plataforma elevadora, unha camioneta para recoller os restos e unha trituradora.

Con tal motivo, queda prohibido estacionar na rúa a partir das 8:00 horas do mércores 15.