Benestar Social organiza o primeiro Lab Social-Xuntanza Proponte para abordar a importancia e necesidades do ‘Traballo en Rede no Terceiro Sector’

82
  • A xornada celebrarase o venres 17 de marzo no Salón de Actos da Uned, de 16:00 a 21:00 horas, e contempla a celebración de diversos grupos de traballo e dun parladoiro que tratarán sobre Xestión de Grupos, Financiamento, Márketing e Comunicación, Estrés Asociativo, Voluntariado e Profesionalización e Formación

No marco do programa municipal Proponte e coa finalidade de potenciar o tecido social do concello e as sinerxías entre as asociacións que o conforman, a Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, organizou o primeiro Lab Social-Xuntanza Proponte. O encontro, que se celebrará o venres 17 de marzo no Salón de Actos da Uned en horario de 16:00 a 21:00 horas, terá como eixo central o ‘Traballo en Rede no Terceiro Sector’ e o seu programa deseñouse coa colaboración dun laboratorio de ideas composto por nove entidades que achegaron a súa experiencia nos diversos eidos que se abordarán.

De cara a pechar os últimos flecos desta xuntanza, Marcos Rey mantivo onte unha última reunión de coordinación no centro asociado da Uned co coordinador de Extensión Universitaria do centro asociado de Pontevedra, Rafael Cotelo, e con representantes dos colectivos que integran este equipo de traballo: Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural (Adec); Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afapo); Finsa Boa Vida; Asociación de Amig@s da Pontevedrada (Asampo); Dragón Bota Galicia; Asociación Galega de Adopción e Acollemento ‘Manaia’; Asociación de Venezolanos/as de Pontevedra (Asovedra); Asociación Galega de Linfedema (Agl), e a Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais (Alcer).

O Lab Social contará cunha charla plenaria inicial (ás 16:30 horas) sobre o ‘Traballo en Rede no Terceiro Sector’ a cargo do educador social e xestor cultural Carlos Manuel Varela Ulla, así como cunha serie de grupos de traballo e cun parladoiro onde se tratarán temas de interese e nos que as persoas participantes achegarán as súas inquedanzas e ideas (que se volcarán ao final da xornada nunha serie de conclusións finais). Estarán moderados polas persoas que forman parte do laboratorio de ideas e polo coordinador de Extensión Universitaria da Uned de Pontevedra.

Deste xeito, entre as 18:15 e as 20:00 horas desenvolveranse un Lab de Xestión de Grupos, moderado por Antón Mouriz (Manaia); un Lab de Financiamento, moderado por Santiago Boullosa (Adec); un Lab de Márketing e Comunicación, coordinado por Berta Romero (A Vila Láctea); un Lab de Estrés Asociativo, moderado por Maite Bustamante (Amiga); un Lab de Voluntariado de Profesionalización, con Víctor Regueira (Boa Vida) como moderador, e un parladoiro de ‘Análise da necesidade de contar con formación (interna ou externa). Proposta de ‘batería’ formativa Proponte 2023-2024′, dinamizado por Rafael Cotelo. Un plenario de conclusións poralle a guinda á xornada.

Xa hai máis de 120 persoas de 50 entidades inscritas

Segundo explica o concelleiro Marcos Rey, “a día de hoxe, a xuntanza xa conta con más de 120 persoas inscritas, en representación de máis de 50 entidades pertencentes ao terceiro sector do concello de Pontevedra”. “Todas aquelas persoas interesadas en participar neste primeiro Lab Social ou en coñecer o programa Proponte máis en profundidade non teñen máis que remitir unha mensaxe ao email proponte@pontevedra.eu. Aínda seguimos a recibir novas inscricións, polo que calquera entidade asociativa interesada pode acudir e achegar a súa experiencia formando parte do programa Proponte e coñecendo a outros veciños que traballan a prol da xustiza social. Co obxectivo de superar tódalas barreiras e na defensa da equidade, a accesibilidade universal e a comunicación sen límites, contaremos cun servizo de interpretación en Lingua de Signos, así como cun bucle magnético portátil”, apunta o edil do PSOE.

Tal e como sinala Rey, “a Concellería de Benestar Social busca impulsar a través do programa Proponte o tecido social do concello baixo os criterios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. Nel están incluídas, de xeito organizado, para mitigar a desigualdade, motivar o voluntariado e impulsar o compromiso social das persoas coa súa veciñanza en tódolos ámbitos do municipio (tanto rurais como urbanos), as asociacións e entidades do terceiro sector.