Manifesto institucional polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller 2023: Mulleres Adiante!

75
  • Natalia Puga López, xornalista

Este manifesto é todo un reto persoal. Supón afrontar medos e a famosa síndrome da impostora que todas as mulleres vivimos dunha ou doutra maneira ao longo da nosa vida. A miña primeira reacción foi dicir que non. Por vergoña. Por inseguridade. Por esas barreiras coas que nos ensina a medrar a sociedade patriarcal. Por fortuna, rodéanme mulleres fortes e valentes que me axudaron a dar o paso. Porque só nós podemos dar este paso. Para facelo, temos a sorte de contar as unhas coas outras. E é hora de que deixemos atrás as limitacións autoimpostas, e as que nos segue a im- poñer a sociedade, de que a invisibilidade e o silencio aos que estamos afeitas queden no pasado. De que sigamos adiante. Porque a miña primeira reacción foi dicir non e estou segura de que sería a mesma da inmensa maioría das mulleres.

Vivimos nunha sociedade na que aínda segue a haber congresos nos que todos os participantes son homes. Na que as mulleres son tan só o 7% dos referentes dos que falan os libros de texto. Na que a proporción de homes en postos directivos é 30 puntos maior que a das mulleres. Na que, en Galicia, a brecha salarial segue a ser do 18,6% por cento, do 34,1% se falamos das pensións. A dife – renza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 euros mensuais.

Datos e máis datos que poden parecer fríos e afastados do noso día a día. Pero que marcan a nosa realidade. E o mundo no que medran as novas xeracións. Por iso non podemos esquecelos ou mi- rar cara a outro lado. Tampouco deixar retroceder un só dos dereitos gañados. Nin dar marcha atrás no camiño cara á igualdade.

Igualdade. Parece mentira que, a esta alturas, sexa necesario insistir nunha cuestión tan obvia. É o obxectivo e a loita do feminismo desde o século XVIII. E, cando xa van alá dúas décadas do século XXI, non só non se logrou a igualdade real entre mulleres e homes, senón que aínda hai quen dis – cute que sexa necesaria.

Hai persoas que negan as violencias sobre as mulleres, que negan as desigualdades evidentes a ni- vel económico ou social, que seguen a apostar por modelos que oprimen, invisibilizan e borran as mulleres. E non podemos esquecer esas persoas igual que non podemos esquecer os erros do pa- sado. Para non volvelos repetir.

Hai cinco anos, no xa histórico 8M de 2018, demos un paso de xigante saíndo á rúa de xeito masi- vo, rachando co silencio, facendo ver que se paramos as mulleres, para o mundo. Porque somos máis da metade da humanidade. Agora toca facer ver que a igualdade e a defensa dos nosos de- reitos benefician a toda a sociedade. Fana medrar.

Esta sociedade igualitaria segue a ter obstáculos. Por iso fan falta as lentes moradas sempre pos- tas, e estar dispostas a rachar co silencio. Durante toda a historia, caláronnos, invisibilizáronnos. Co feminismo logramos ter voz. E agora non podemos dar todos os logros acadados por seguros, senón que toca seguir defendendo o dereito a ocupar o lugar que merecemos como metade da poboación. A que nos tomen en serio. A non ter que xustificar as decisións que tomamos sobre a nosa vida e o noso corpo. A que os nosos corpos non sexan sexualizados, violentados ou xulgados.

O dereito a non ter que pedir perdón por ser fortes ou querer ocupar espazos da vida pública. A ser respectadas. A ser escoitadas. A non ter que traballar o dobre para ter a metade do recoñece- mento. Non volvamos á casa de saída. Mulleres adiante. E Xuntas.

Natalia Puga López

Marzo 2023