As obras do viario perimetral de Barcelos comezan unha nova fase co inicio das actuacións entre Vasco da Ponte e Perfecto Feijoo 

23
A ausencia de choivas, xunto co traballo áxil da empresa, permitiu manter un bo ritmo de traballo ao longo das últimas semanas, sen incidencias de ningún tipo  

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, deu conta esta mañá de martes, 7 de marzo, da  Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos que se celebrou a primeira hora da mesma. O edil, durante a súa intervención, destacou o comezo dunha nova fase nas obras de Barcelos que están a mudar a contorna perimetral da praza.

«Este inicio vén motivado, principalmente, por dous factores: o primeiro é que a empresa está a facer un bo traballo, sen ningunha incidencia reseñábel; e segundo, a moi boa meteoroloxía que nos acompañou nestas semanas, o que permite avanzar a obra a moi bo ritmo», sinalou Gómez. 

Nesta nova fase comezarán as actuacións na beirarrúa que vai desde Perfecto Feijoo ate Vasco da Ponte. «É unha fase máis complexa do que levamos feito até o de agora pois, de entrada, é máis longa que o resto das rúas, polo que iremos abrindo —a calzada— por treitos. Ademais, é máis complexa porque se nas outras intervencións só houbo que instalar pluviais, nesta vía si que deberemos instalar abastecemento, saneamento e mesmo alumeado. É unha obra máis difícil xa por isto, pero é que ademais están as entradas das vivendas e dos negocios que teñen que estar expeditos durante todo o tempo que se realice a obra».

Tal e como adiante o concelleiro, nesta fase si se verá afectado o tráfico rodado en diversos puntos da actuación. Quedará sempre garantido o tráfico peonil. A partir do vindeiro luns, 13 de marzo, a praza quedará co sentido de circulación que será o definitivo, é dicir, entrando desde San Antoniño e saíndo pola rúa do Rouco. «O que si imos facer é manter os aparcamentos de servizo durante toda a obra, polo menos do lado que non se vexa afectado polas actuacións», explicou Gómez. «É probábel que cando remate esta fase teñamos que recuperar os dous sentidos de circulación durante unha tempada por cuestións técnicas».