O Concello investirá un total de 800.000 euros neste 2023 entre cincuenta clubs deportivos do municipio 

19
A Xunta de Goberno Local celebrada hoxe aprobou a resolución definitiva da convocatoria de subvencións para as escolas deportivas da tempada 22-23
A portavoz do Goberno tamén quixo amosar o apoio do Concello de Pontevedra a todos os traballadores e traballadoras da CRTVG que esta xornada están en folga 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos asuntos tratados ao longo da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Dentro dos asuntos que figuraban da orde do día, a edil quixo destacou unha serie de cuestións administrativas como a toma de coñecemento de dúas renuncias de dous particulares por imposibilidade de xustificación en prazo ás axudas de investimento e gastos correntes do plan Supera.

A primeira renuncia é por un importe de 3.420,20 euros e, no segundo caso, notifícase unha renuncia de gastos correntes de 5.000 euros. «Nos dous expedientes queda explicado que o motivo da renuncia é a imposibilidade de xustificación», indicou Gulías,

Doutra banda, foron aprobadas dúas prórrogas en dous contratos xa formalizados e en execución. A primeira sería para o despregue dun centro de operacións de seguridade relacionado coa Administración electrónica. Amplíase por dous meses, contando cun período de execución inicial de catro meses. Agárdase que a obra remate, co novo prazo, no mes de agosto. No caso da segunda prórroga, neste caso de 15 días naturais, esta relacionase co contrato de mantemento e desenvolvemento dunha ferramenta de novas tecnoloxías para os consellos parroquiais, co fin de que teñan unha comunicación máis áxil entre parroquias e promover a participación cidadá. Está previsto que quede lista a mediados de abril co novo prazo.

Fóra da orde do día, Gulías informou de dúas cuestións principalmente. A primeira foi a chegada a Xunta de Goberno a resolución definitiva da convocatoria de subvencións para as actividades de iniciación deportiva que abrangue a tempada 22 e 23, normalmente chamadas «escolas deportivas municipais». «Podemos dicir xa que estamos ao día, en relación co financiamento destas actividades», explicou a edil. «É importante esta cuestión porque se trata dun apoio fundamental ao deporte de base, ao ser un total de 38 escolas de 36 clubs as que se benefician destas subvencións. Falamos de 250.000 euros, un investimento necesario para promover o deporte de base no Concello. Ademais desta contía, cómpre indicar que está xa só pendente de fiscalización as axudas que teñen que ver co financiamento anual dos clubs do Concello e  das que se beneficiarán 50 clubs. O importe neste caso será de 300.000 euros. Esta axuda se corresponde coa anualidade do 2021».

A portavoz quixo anunciar que xa está iniciado o proceso administrativo, «de feito as bases xa están listas», para a anualidade do ano 2022. Por último, cómpre sinalar que ás cantidades anteriores habería que sumar os 270.000 euros que se reparten en axudas na promoción e difusión da imaxe do Concello e que son dadas desde a sociedade de Turismo do Concello de Pontevedra. Así, e en total, este ano o Deporte local recibirá máis de 800.000 euros en axudas desde a entidade municipal.

Por último, Gulías quixo amosar o apoio do Concello de Pontevedra a todos os traballadores e traballadoras da CRTVG que nesta xornada de luns están en folga. «Sabemos das presións ás que son sometidas estas profesionais e consideramos que un medio público teña que estar soportando este tipo de cuestións, propias de outra época, seguro», explicou. «Non podemos perder a ocasión, ademais, de seguir reclamando que se volva abrir a delegación que a CRTVG tiña en Pontevedra e que por parte da Xunta de Galiza se deixe de mingunear a nosa cidade. Temos moitas cousas que comunicar e moitas necesidades comunicativas que deben ser prestadas a través deste medio público, mais que lle son privadas aos espectadores destes medios públicos. É un dereito que os veciños e veciñas teñan unha información máis próxima, máis acaída e máis eficaz».