Iván Puentes pon en marcha as obras que renovarán o Campo da Torre e dotarán ao barrio de San Roque dun moderno e fastuoso parque infantil

249
  • As actuacións impulsadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible cun orzamento de máis de 76.000 euros suporán un cambio radical de imaxe deste espazo de centralidade, incorporando amplas áreas de xogo, sombra, encontro social e descanso, coa instalación de hamacas e cadeiras de madeira, así como puntos de carga para dispositivos móbiles.
  • O innovador proxecto deseñado polo arquitecto Víctor Hermo, que tamén contempla a renovación da fonte existente coa creación de pequenas canles de auga arredor da mesma, ten entre as súas características máis chamativas a incorporación de varias estruturas de trepa e de numerosos troncos de madeira de diferentes alturas, cuxa distribución evoca visualmente ás columnas de basalto de orixe volcánica que caracterizan á famosa paisaxe do Giant’s Causeway (Calzada do Xigante) de Irlanda do Norte

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, puxo esta mañá en marcha as obras que permitirán renovar paisaxisticamente a zona verde do Campo da Torre, no barrio de San Roque, e dotala dun moderno e fastuoso parque infantil no que terán protagonismo as árbores e outros elementos naturais. As actuacións, adxudicadas á empresa Zona de Obra O Rosal SL cun orzamento de máis de 76.000 euros, ten un prazo de execución duns tres meses e suporá un cambio radical de imaxe deste espazo de centralidade do barrio, ao incorporar amplas áreas de xogo, sombra, encontro social e descanso, coa instalación de hamacas e cadeiras de madeira, así como puntos de carga para dispositivos móbiles.

O innovador proxecto deseñado polo arquitecto Víctor Hermo, que tamén contempla a renovación da fonte existente coa creación de pequenas canles de auga arredor da mesma, ten entre as súas características máis chamativas a incorporación de varias estruturas de trepa e de numerosos troncos de madeira de diferentes alturas, cuxa distribución evoca visualmente ás columnas de basalto de orixe volcánica que caracterizan á famosa paisaxe do Giant’s Causeway (Calzada do Xigante) de Irlanda do Norte.

O comezo dos traballos foi supervisado esta mañá por Iván Puentes, nunha visita na que estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán. Tal e como subliñou o portavoz municipal do PSOE, “este proxecto busca converter o Campo da Torre nun espazo accesible, de saúde, benestar, socialización e encontro cos demais, no que nenos e nenas de tódalas idades e habilidades gocen do xogo e que, ao mesmo tempo, resulte cómodo e atractivo para os adultos acompañantes”. “A oferta presentada pola empresa adxudicataria incluíu melloras por valor de máis de 12.500 euros, que abranguen a colocación de tumbonas de madeira, papeleiras, puntos de recarga e xardineiras”, sinalou Puentes.

Segundo apuntou, “trátase dun proxecto único e exemplar nesta cidade, porque imos facer unha zona de lecer infantil absolutamente diferente a tódalas que temos en Pontevedra, xa que non vai ser un parque de catálogo que poidamos atopar en calquera outro sitio, senón especificamente deseñado para este espazo, con xogos inclusivos e de creatividade que tamén atraerán a nenos e nenas de fóra do barrio; e porque se plantexou cunha filosofía e cun concepto de reutilización, dentro desa economía circular da que sempre falamos: salvo os vellos xogos do parque infantil, ningún dos elementos estruturais desta praza vai ser destruído e integraranse nun novo deseño radicalmente diferente”. “Isto que a día de hoxe é unha illa rodeada de coches por tódalas súas partes -engadiu o socialista-, transformarase nunha península, ao incorporar, ao gañar, ese pequeno cachiño de rúa que dá contra a Praza de Touros, absolutamente prescindible desde o punto de vista do tráfico rodado”.

Elementos que favorecerán o xogo imaxinativo e o pensamento creativo

Unha pasarela e unha rampla vertebrarán tódolos espazos de lecer e xogo do novo parque, garantindo un percorrido accesible, ao tempo que se xerarán estruturas de trepa para salvar os desniveis xerados con novas topografías e varios pasos a través e por debaixo desta pasarela. A actuación plantexa a revisión das estruturas de xogo actuais, substituíndoas por elementos naturais que favorezan o xogo imaxinativo, o pensamento creativo e a improvisación e agregando elementos que conviden ao xogo libre, á autonomía e a liberdade.

Os troncos de madeira colocados a diferentes alturas favorecerán os retos motrices (escalada, saltos…) e o desenvolvemento do equilibrio. Unha rampla de madeira conectará a área de sombra e descanso prevista coa zona de xogos, permitindo bordear unha das árbores e xerando un espazo que simula unha pequena casiña na árbore. O ascenso a esta zona tamén se poderá realizar mediante un rocódromo situado nun dos laterais ou trepando polas barras que se instalarán debaixo do mesmo. Debaixo da rampla, entre os troncos de madeira, colocarase un tubo a xeito de túnel, creando un espazo que favorece o agocho e o gateo.

As árbores existentes no Campo da Torre converteranse nun elemento clave para o acondicionamento dunha zona de descanso e sombra, creándose un contorno que convida ao descanso sen perder de vista o xogo dos nenos e as nenas. Tamén se plantará unha árbore na área máis soleada do parque, que terá a dobre función de achegar sombra e de converterse nun elemento máis de xogo, ao crear unha estrutura de madeira ao seu redor a xeito da xa mencionada casiña da árbore. Ademais, colocaranse arbustos nun dos lados do perímetro, delimitando as áreas de hamacas e asentos, que se formarán cubrindo con madeira a bancada de formigón existente.

Converterase a fonte nun espazo de xogo sensorial e exploratorio

A intervención en marcha prevé a mellora, acondicionamento e aproveitamento do contorno da fonte para convertelo nun espazo de xogo sensorial e exploratorio, especialmente para os máis pequenos, aproveitando as cualidades perceptivas da auga. Segundo apunta Iván Puentes, con esta finalidade, “alisarase o pavimento actual, substituíndoo por unha pequena elevación de formigón pulido con pequenos canais de auga que o bordearán e que permitirán un xogo sensorial e experimental, tocando a auga, lanzando barquiñas, pauciños… O que fomenta a curiosidade da rapazada e a súa capacidade de observación e atención”.

A renovación deste parque tamén terá moi en conta o uso e desfrute de adultos e adolescentes, habilitando para este fin un espazo de sombra e encontro social na zona das árbores, no que poder descansar, charlar ou ler sen perder de vista o xogo dos pequenos, así como puntos de conexión na área de hamacas e cadeiras para facilitar a carga de dispositivos móbiles, ordenadores e tabletas.

Actuacións que se levarán a cabo:

  • Colocación de troncos de madeira de robinia a diferentes alturas para convidar aos nenos e nenas a saltar, facer xogos de equilibrio, deslizarse entre eles, trepar, agocharse e efectuar outros exercicios que potencian o seu desenvolvemento motor.
  • Dotación de pavimento amortecedor para caídas desde dous metros nas zonas de xogo e de terrizo natural con conglomerantes no resto de áreas de conexión.
  • Plantarase unha árbore na parte final da zona de xogo do parque cunha dobre función: dunha banda, proporcionar sombra, e da outra, converterse nun elemento máis de xogo grazas á pasarela de madeira que o bordeará e o transformará nunha casa/refuxio. Colocaranse diferentes estruturas de trepa e deslizamento para acceder a esta casiña.
  • Unha rampla de madeira conectará a zona de sombra e descanso coa zona máis activa do parque, facendo un percorrido sinuoso que vai ascendendo lixeiramente ata subir a media altura da árbore plantada, converténdose nun refuxio na árbore. Esta rampla dota de accesibilidade á zona de xogo, permitindo o percorrido e o xogo na árbore e na zona dos troncos.
  • Nun lateral da árbore instalarase unha rampla a xeito de rocódromo que convida a trepar para subir á árbore. Será un panel de trepa para nenos de 4 a 14 anos homologado cumprindo coa normativa Europea EN 1176-1177.
  • Debaixo da casiña-refuxio instalaranse unha serie de barras que permitirán o acceso á mesma trepando e a baixada deslizándose polas mesmas: redes de escalada e escaleiras de trepa para nenos de 4 a 14 anos homologadas cumprindo coa normativa Europea EN 1176-1177.
  • A carón do refuxio colocaranse dúas barras paralelas inclinadas dirixidas a realizar o descenso do mesmo a xeito de tobogán ou estrutura de trepa (tobogán de tubos de aceiro inoxidable para nenos de 4 a 14 anos homologado cumprindo coa normativa Europea EN 1176-1177).
  • Debaixo da rampla, na zona de troncos, un tubo a xeito de túnel conectará esta zona coa de descanso. Executarase mediante tubo de pvc sen arestas vivas, incluíndo ancoraxe a base de formigón, evitando arestas e ocos de atrapamento. O diámetro do conduto será de aproximadamente 900 milímetros.
  • A existencia dunha fonte na praza posibilitará a creación dun espazo de xogo sensorial e exploratorio, con canais de auga ‘debuxados’ na elevación de formigón pulido que dará acceso á mesma, que permitirán aos nenos e nenas tocar a auga, mollar as súas mans, lanzar pequenas pezas e velas descorrer e, en definitiva, xogar con tranquilidade e calma.
  • Recubrirase de madeira a bancada de formigón existente, creando asentos e hamacas que convidarán ao descanso e á interacción social, especialmente no que se refire á rapazada adolescente e aos adultos. Nesta zona colocaranse os puntos de carga para dispositivos móbiles.
  • Plantaranse arbustos de buxo (buxus sempervirens) entre os bancos de madeira para delimitar os asentos e hamacas, que ademais de crear un ambiente visualmente apetecible para o descanso e a interacción servirán de espazo de refuxio para os máis pequenos.
  • Habilitarase un espazo enfocado ao descanso e lecer dos adultos acompañantes e os adolescentes na zona de sombra.
  • Pavimentaranse a beirarrúa e a nova rúa peonil entre o parque e a Praza de Touros, cumprindo coa normativa de accesibilidade, tanto no que se refire aos encontros cos pasos peonís (mediante ramplas) como á confluencia cos laterais da rúa ao leste do parque. Dita pavimentación executarase en formigón varrido ou semipulido antiesvarante e dará continuidade á beirarrúa do perímetro do parque até a Praza de Touros. Esta nova área peonil de pavimento duro permitirá completar o parque cunha área de xogo para patinaxe sobre rodas para nenos entre 4 e 12 anos.
  • Instalaranse novos bancos na ampliación da área peonil, realizados en prefabricado de formigón armado, recuberto con entaboado de madeira de ipé (do mesmo xeito que no resto do parque).
  • Proxéctase a colocación dun panel que preste información sobre os elementos do parque e oriente sobre os seus posibles usos e funcións. Esta información será accesible, polo que haberá un texto escrito acompañado de pictogramas e indicacións en Braille.
  • Por último, dotarase ao novo parque do Campo da Torre dun sistema de iluminación mediante báculos cilíndricos e proxectores desde o chan. Na nova zona peonil incluirase un farol por cada banco, mentres que na área de entarimado resolverase o encontro coa tarima ancorando o farol mediante formigón. Dotaranse os espazos de lecer de bancos e hamacas de instalacións eléctricas antivandálicas con cargadores de usb para dispositivos móbiles e tabletas.