Os datos oficias da Seguridade Social sitúan á Boa Vila como o maior foco de xeración de emprego de toda a comarca 

17
O estudo elaborado polo grupo G4 Plus da Universidade de Vigo ofrece unha foto fixa na que a Boa Vila acadaría o seu máximo histórico de afiliados cunha cifra superior á das crises económicas
Segundo os datos facilitados, un mínimo de 14.000 persoas virían doutros municipios a traballar dentro do concello de Pontevedra, até chegar ás 44.257 persoas afiliadas á Seguridade Social 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu esta mañá de xoves unha rolda de prensa xunto co director do grupo G4 Plus Desenvolvemento estratéxico: Organización e territorio da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa, co fin de revelar o primeiro avance do estudo da situación laboral do Concello de Pontevedra

«Hai xa un tempo longo que desde o Goberno viñamos observando unha diversidade e dispersión de datos económicos, en especial no referido ao emprego. Queríamos ter unha foto o máis aproximada posíbel de como está a situación laboral do noso Concello, polo que encargamos este traballo ao grupo G4 da Uvigo que pescudara e presentaran as súas conclusións a este respecto», indicou o rexedor. 

Ao longo das vindeiras semanas, serán ofrecidos datos aínda máis concretos e ampliados —como os referidos ás mutualidades—, tendo como base na comparecencia de hoxe os datos oficiais da Seguridade Social. «O dato máis claro que podemos sacar coas cifras sobre a mesa é que por cada 100 residentes en Pontevedra de alta como activos na Seguridade Social, hai 144 postos de traballo activos. É dicir, a Boa Vila é un foco xerador de emprego. Se facemos estudos comparativos coas cidades do noso Interland —Poio, Sanxenxo, Marín—, vemos que somos o maior foco neste eido».

Lores sinalou, ademais, que o dato actual de afiliados á Seguridade Social en Pontevedra supera a anterior cifra de algo máis de 43 mil persoas —acadado antes das crises económicas dos últimos anos—. 

Dentro dos datos ofrecidos polo estudo é posíbel poñer o foco nas 44.257 persoas afiliadas á Seguridade Social segundo concello de alta da entidade, que deriva nunha autosuficiencia de emprego de 144,4.