Pontevedra volverá saír ás rúas co gallo do 8M para amosar o avance imparable das mulleres

163
  • Baixo o lema ‘Mulleres adiante!’, o intenso e variado programa de actividades organizado pola Concellería de Igualdade e o CIM con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller inclúe unha campaña gráfica elaborada pola deseñadora Sara Docampo; a lectura dun manifesto redactado pola xornalista Natalia Puga; uns Faladoiros Feministas que abordarán a Lei de Liberdade Sexual (‘Só si é si’) e a incorporación da perspectiva feminista na literatura actual; a iniciativa para mulleres do rural Somos Quen 2023, e o proxecto de empoderamento feminino Xuntas
  • Entre as accións que se levarán a cabo en centros educativos contémplanse os contacontos para Infantil e Primaria ‘Na túa man. Contos para a Igualdade’, con Raquel Queizás; o Concurso de Tik Tok pola Igualdade, destinado a alumnado de 3º e 4º da ESO e orientado á visibilización, prevención e denuncia da violencia de xénero, e a distribución do manual sobre educación sexual ‘Sexo? Boa idea!’, elaborado por Llerena Perozo e o equipo do CIM de Pontevedra con ilustracións de Sonia García Vidal
  • O programa tamén abrangue unha nova edición da exposición Mulleres da Vila, que homenaxeará ás responsables de 15 establecementos comerciais do barrio da Parda, e a celebración da feira de alimentación e artesanía feminina galega ‘ProdutorAs, en Feminino’ na Praza de España entre os días 10 e 12 de marzo

Baixo o lema ‘Mulleres adiante!’, Pontevedra volverá saír ás rúas neste mes de marzo co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, para amosar o seu avance imparable na loita por acadar unha igualdade real de dereitos e oportunidades. Para conmemorar esta data, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra deseñaron un ano máis un intenso e variado programa de actividades que arrincará o martes 7 de marzo ás 11:30 horas no Concello coa lectura do manifesto a cargo da xornalista Natalia Puga, á que se lle encargou este ano a súa redacción (gravarase e difundirase dita lectura a través da web pontevedra.gal e das redes municipais), e o despregue dunha intensa campaña gráfica, que abrangue a instalación dunha pancarta no balcón da Casa da Luz (o mesmo martes 7, ás 11:50 horas), a distribución de carteis por mupis e por diversos puntos do centro urbano e das parroquias e o reparto de paraugas conmemorativos a través do CIM.

O programa foi presentado esta mañá no Concelllo nun acto no que participaron a concelleira de Igualdade, a socialista Yoya Blanco; a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda, e a deseñadora gráfica pontevedresa Sara Docampo, graduada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, autora da campaña gráfica deste ano. Blanco fixo fincapé na necesidade de que, ao igual que Natalia Puga, “as xornalistas e as mulleres que son coñecidas na cidade tomen a palabra e visibilicen a loita que debemos afrontar tódolos días” e amosou o seu desexo de que “algún día non teñamos que facer estas roldas de prensa, non exista o 8 de marzo e non haxa Concellería de Igualdade, porque iso significará que a igualdade é real e efectiva”.

Sara Docampo asegurou que lle fixo “moitísima ilusión poder deseñar este cartel para o 8M” na súa cidade e que “a idea principal” que o inspirou é “que o feminismo pode mover o mundo e, sobre todo, que neste día 8M as mulleres teñen que dar un paso adiante e saír ás rúas para seguir loitando pola igualdade neste país”. Pola súa banda, Mercedes Renda lembrou que o 8M “é realmente unha escusa para poñer o foco nos problemas que as mulleres temos a diario para acadar esa igualdade real”, pero “no CIM trabállase durante todo o ano e a memoria de 2022 reflicte que atendemos a 230 vítimas de violencia de xénero, incluíndo a asistencia psicolóxica, o asesoramento xurídico, a información sobre recursos, as necesidades de axudas e conciliación, as dificultades para o emprego, o teito de cristal e o chan pegañento…”. “Pero o máis urxente e escandaloso -engadiu Renda- é a loita contra as violencias. O ano pasado centrámonos moito no tema das violencias sexuais e puxemos sobre a mesa a importancia da educación sexual. Hai que volver ao máis básico. As opresións e as violencias tamén se adaptan a cada cambio”.

Ademais do encontro As Mulleres que Opinan Son Perigosas, que se celebrará no Teatro Principal entre os días 17 e 18 de marzo, o programa do 8M terá entre os seus eventos os agardados Faladoiros Feministas, que se celebrarán na sede do CIM (Praza de José Martí, 1º andar) os mércores 22 e 29 de marzo en horario de 19:00 a 20:30 horas. Os coloquios, con entrada de balde ata completar aforo (tamén se gravarán para a súa difusión posterior na páxina web do Concello e nas redes sociais de Igualdade), serán os seguintes:

  • O do 22 de marzo será un Faladoiro sobre a Lei de Liberdade Sexual (‘Só si é si’), estará moderado pola xornalista María Varela e contará coa participación de Belén Rubido de la Torre, xuíza decana de Pontevedra titular do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en Violencia Machista; Dori Varas Noguerol, traballadora social da Oficina de Atención e Asistencia ás Vítimas do Xulgado de Vigo, e Rosa Fontaíña Pazos, coordinadora e voceira da Asociación da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.
  • O do 29 de marzo leva por título ‘Faladoiro literario feminista: a incorporación da perspectiva feminista na literatura actual’, estará moderado pola xornalista Chus Gómez e contará coas autoras Ana Cabaleiro López e Lorena Conde Martínez, abordando o contido das súas obras ‘Deixádenos remar’ e ‘Velloucas e minchas’.

Ao longo das vindeiras semanas tamén se porá en marcha o programa de actividades destinadas a mulleres das parroquias do rural Somos Quen 2023, que manterá o prazo de presentación de solicitudes aberto ata o 15 de marzo e que, a través de asociacións de mulleres e demais tecido asociativo do rural, oferta diversos cursos a realizar ata o mes de xullo. Tal e como apuntou Yoya Blanco, “as actividades entre as que se pode escoller céntranse en tres grandes bloques: Actualízate (Dispositivos dixitais, Márketing online, Oratoria e Activismo feminista), Creatividade (Cestaría, Arteterapia e Fotografía e Comunicación visual) e Saúde e Benestar (Botica natural e benestar, Estimulación cognitiva e psicomotriz, Risoterapia, Bailoterapia, Ioga, Pilates, Automasaxe relaxante, Alimentación e nutrición saudable)”.

A concelleira de Igualdade indicou que “a partir do 21 de marzo tamén se iniciarán as actividades do programa de empoderamento feminino Xuntas, dirixido principalmente a mulleres en situación de vulnerabilidade”. “Tódolos martes, de 10:30 a 12:30 horas, durante seis meses, no primeiro andar do CIM, as participantes traballarán na adquisición de habilidades e coñecementos para a mellora da autoestima, mediante actividades de expresión corporal, teatro, risoterapia, baile, fotografía, técnicas vocais… O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de marzo”, sinalou a concelleira do PSOE.

Actividades para alumn@s de tódalas idades

Desde finais de marzo e ao longo do mes de abril volverán aos centros de Educación Infantil e Primaria de Pontevedra, tralo éxito da convocatoria do ano pasado, os contacontos ‘Na túa man. Contos para a Igualdade’, da man de Raquel Queizás. E para o alumnado de 3º e 4º da ESO do concello de Pontevedra xa está en marcha o Concurso de Tik Tok pola Igualdade, para a visibilización, prevención e a denuncia da violencia de xénero. “O obxectivo desta acción -explicou Yoya Blanco- é impulsar a reflexión e a conciencia crítica do alumnado, ao mesmo tempo que desenvolven a súa creatividade. Inclúe a realización de palestras informativas presenciais nos centros educativos interesados (de momento xa están participando sete centros ), xuntando os grupos de cada nivel, nos que tamén se convida ao profesorado. As bases deste concurso faranse públicas esta semana, e o prazo para presentar vídeos estará aberto ata finais de abril”.

Asemade, neste mes de marzo, procederase á distribución, nos centros educativos de Secundaria e Formación Profesional Básicas, así como nas bibliotecas do concello, do manual sobre educación sexual ‘Sexo? Boa idea!’, elaborado por Llerena Perozo e o equipo do CIM de Pontevedra con ilustracións de Sonia García Vidal. “Con esta publicación -apuntou a concelleira de Igualdade- pretendemos dar resposta a unha necesidade posta en evidencia o ano pasado: a carencia dunha correcta educación sexual, sa e respectuosa e a súa importancia á hora de facer fronte á violencia sexual. Malia que estamos ante un asunto que afecta a persoas de tódalas idades, debemos prestar especial atención á infancia e á adolescencia. Lembremos que a idade media de acceso a un teléfono móbil de uso persoal, con conexión ininterrompida, está nos oito anos. Nas páxinas desta guía, útil tanto para a mocidade como para persoas adultas, achegamos nocións para axudar a clarexar e previr o uso das redes neste sentido”.

Homenaxe ao traballo das mulleres do barrio da Parda

A campaña deseñada polo 8M tamén traerá consigo unha nova edición do proxecto Mulleres da Vila, co que este se pretende visibilizar e homenaxear o traballo das mulleres do barrio da Parda a través dunha exposición fotográfica nos 15 establecementos que participarán e da difusión dun vídeo no que as protagonistas contarán as súas historias persoais e aos dos seus locais e falarán sobre conciliación, anécdotas que lles aconteceron nas tendas e consellos para mulleres que desexen emprender… Poñendo así en valor a coraxe, vontade, carisma e entrega que fixeron posible o seu éxito profesional e persoal.

A mostra fotográfica será inaugurada por Yoya Blanco o vindeiro mércores 8 de marzo. Os nomes dos establecementos e as mulleres que protagonizan esta iniciativa, desenvolvida pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa fotógrafa Patricia Maquieira, son:

1.- Librería A Rotonda (avenida Virxinia Pereira): Mari Carmen Sieiro
2.- Entremáns (rúa Gaiteiro Ricardo Portela): Goreti García
3.- Talento Dance Studio (avenida Virxinia Pereira): Rosalía Puga
4.- Vera Vidal Yoga y Bienestar (avenida Virxinia Pereira): Verónica Vidal
5.- O Forno Panadería (Virxinia Pereira): Bibian López
6.- Centro de día ‘A tu lado’ (Virxinia Pereira): Adela de Jesús
7.- Clínica Avegar (Virxinia Pereira): Andrea Vega
8.- Psicoeduca (rúa da Estrada): Sandra Piñeiro
9.- A Tenda Alimentación (rúa Pintor Laxeiro): Lucía Cortizo
10.- Sonia’s Colors (Pintor Laxeiro): Sonia Villanueva
11.- Zapateiro do Lérez (Pintor Laxeiro): Jennifer González
12.- Clínica Dental Garrido Madarnás (rúa Abundancia): Noemí Garrido
13.- Frutería Eva (rúa Rodríguez Seoane): Eva González
14.- Estudio de Salud Capilar María José Pazos (rúa Francisco Tomás y Valiente): María José Pazos
15.- Prisma, taller de arte e creación (rúa da Estrada): Leire Rodrigo

ProdutorAs, en Feminino

Outra das novidades que traerá consigo o programa organizado arredor do 8M será a celebración da primeira edición da feira de alimentación e artesanía feminina galega ‘ProdutorAs, en Feminino’, impulsada pola Concellería de Promoción Económcia e que busca homenaxear e poñer en valor a figura das mulleres ‘bravas’ no desenvolvemento do rural e da economía local, amosando o labor das ‘súper heroínas do mandil de cadros’ (tódalas produtoras participantes levarán unha bata de cadros de xeito simbólico).

O evento terá lugar na Praza de España entre os días 10 e 12 de marzo e contará con 30 expositores de mulleres emprendedoras do sector alimentario e artesanal galego (tamén se convidou a unha rexión de fóra de Galicia, Estremadura, a través dun stand de pimentón de Cáceres, tan vencellado á nosa cultura e cociña tradicional), nos que se poderán atopar: alpargatas (La tía Tula tiene Tela), bixutería en arxila polimérica (Merakiart), artigos en la e papel (Amora artesanía); xabóns feitos a man (ArcaEco), complementos con pedras naturais (Ceibe), pomadas naturais (Agarimo), artesanía decorativa e obxectos antigos restaurados (ArtEvi), xoaría atípica e orixinal (Pase lo q pase), alfarería (Lucky’s Bakes), mel e produtos apícolas do Salnés e do Courel (Abella Menciñeira), requeixo (Restrebas), restauración (Algo más que queso e Croketas’D), filloas á pedra (Filloas A pedra de augas), mel e produtos apícolas do Barbanza (AbellaMel), queixos suízos, italianos e franceses madurados en Galicia (Paladarqueso), conservas de peixe e marisco (Contrabando da ría), marmeladas (A Morena), embutidos e licores galegos (Embutidos Lafuente), froita fresca e smoothies (Avoa Makika), aceite de oliva virxe extra galego (Embruxo), plantas, sementes e flores comestibles (Plántate), cogomelos frescos e en conserva (Mar e Monte), adega DOP Rías Baixas e produtos gourmet (Pepa A Loba), panadería (Rosmar) e polbo (Pulpeira Loureiro).

Os stands permanecerán abertos ao público o venres, sábado e domingo en horario de 11:00 a 21:00 horas. Yoya Blanco precisou que “durante toda a feira haberá unha zona de xogos infantís cunha animadora/coidadora para os máis pequenos, ao servizo das familias que o precisen”. “Ademais, desenvolveranse uns talleres de horto urbano e identificación de plantas a cargo de Plántate, unha empresa de mulleres emprendedoras de Pontevedra”, sinalou a concelleira socialista.

A feira inclúe unha charla da Asociación Galega de Apicultura sobre a realidade das mulleres apicultoras, minoritarias neste sector, que terá lugar o sábado 11 ás 12:00 horas e que se orientará como un encontro que busca acadar sinerxías entre as participantes; diversos showcooking cos produtos expostos a cargo da Escola Obradoiro de Hostalería do Salnés e de Croketas’D, e un set de divulgación a cargo do Mercado da Cosecha, de Hijos de Rivera.

O programa de actividades da feira é o seguinte:

  • Venres 10 de marzo:
    • 11.00h Apertura da feira.
    • 12.00h Inauguración da feira por parte da concelleira Yoya Blanco.
    • 13:00h Show cooking por parte da Escola Obradoiro de Hostalería do Salnés. Elaborarán 3 pratos e un cóctel con produtos da feira:
    • Empanada de sardiñas.
    • Risotto Mare e Monte.
    • Escuma de requeixo con mazá asada.
    • Cóctel de albariño.
    • 17.30h Obradoiro de elaboración de velas con cera de abellas para nen@s.
    • 19.00h Show cooking a cargo de Croketas´D.
  • Sábado 11 de marzo:
    • 11.00h Apertura da feira.
    • 12.00h Charla sobre ‘O papel da muller na apicultura galega’, a cargo de Noela Torres, técnica responsable da Asociación Galega de Apicultura.
    • 13:00h Show cooking a cargo de Croketas´D.
    • 17:30h Obradoiro infantíl de horto urbano, a cargo das técnicas de Plantate.gal.
    • 19.00h Show cooking a cargo de Croketas´D.
  • Domingo 12 de marzo:
    • 11.00h Apertura da feira.
    • 13.00h Show cooking a cargo de Croketas´D.
    • 17:30h Obradoiro infantil de identificación de plantas, a cargo das técnicas de Plantate.gal.
    • 19.00h Show cooking a cargo de Croketas´D.