O Concello inicia unha campaña de sensibilización para cumprir a nova Lei de residuos e solos contaminados 

22

O primeiro encontro será mañá coa Federación de veciños Castelao e pretende continuar con outras entidades empresariais e ecoloxistas.

As persoas ou colectivos que queiran coñecer as obrigas da nova lei poden dirixir a súa petición á web

https://www.pontevedra.gal/areas/xestion-residuos/ para que o Concello lles ofreza información 

O Concello de Pontevedra inicia mañá unha xeira de contactos e encontros con entidades veciñais e sociais para dar a coñecer a nova Lei de residuos e solos contaminados para a economía circular. O concelleiro responsable da xestión dos residuos domésticos, Raimundo González informou que a primeira será Federación de veciños Castelao a partir das 19.00 horas no Concello.

Indicou que a Lei entrou en vigor hai case un ano cos seguintes obxectivos:

  • A reciclaxe do 55% de todos os residuos en 2025
  • A reciclaxe do 60% dos residuos en 2030
  • A reciclaxe do 65% dos residuos en 2035

Raimundo González adiantou que “estamos con posibilidades certas de acadar estes obxectivos de 2025 porque temos moito andado e estamos poñendo os vimbios para conseguir eses obxectivos”. En Pontevedra xa está implantada a fracción separada de papel, plástico, envases e vidro e “ademais, levamos implantado a compostaxe”, que obrigaba a propia lei a poñela en marcha a 30 de Xuño de 2022 nos concellos de máis de 5.000 habitantes.

“Nos imos seguir incrementando zonas para o despregue do colector marrón igual que estamos á espera de poñer máis composteiros comunitarios”, explico Raimundo González, que aclarou que se ben se ten adiantado en materia de biorresiduos por parte do Concello, “a nova lei tamén obriga a que a hostalería faga recollida separada dos biorresiduos, e antes de decembro de 2024 vai a ser obirgatoria a recollida separada de textis e voluminosos, aceite de cociña usado e residuos domésticos perigosos”.

Raimundo González recoñeceu que “todo isto non sería viable se non se ten en conta a sensibilización neste asunto e a colaboración dos veciños e das entidades cidadás en particular”, por iso a campaña de difusión que mañá empeza para facer chegar as obrigas da Lei a todos o ámbito do concello.

“Esta será unha primeira reunión pero teremos máis con entidades empresariais como con Zona Monumental, con entidades ecoloxistas…, imos ter reunións con todo tipo de asociacións”, co obxectivo de incrementar a recollida de biorresiduos que até o de agora era un programa voluntario pero, neste sentido, a lei obriga a facer recollida separada.

Raimundo González recordou que o Concello agarda a colaboración veciñal “e se houbera nunha parroquia ou barrio ou alguna entidade que se quere ter coñecemento sobre a aplicación da nova lei, pode dirixirse a nós” a través da páxina web

“O que pretendemos é que esta lei vaia a bo porto porque nós apostamos por unha economía circular coa mínima emisión de gases de efecto invernadoiro, e entre todos poderemos conseguir unha cidade mellor”, concluíu o concelleiro.