A froita, protagonista dunha nova fin de semana do Ganapán

11
  • O programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica organiza o sábado 4 e domingo 5 uns talleres nos que os nenos e nenas de entre 4 e 10 anos poderán elaborar biscoitos de mandarina e o pudins de mazá, como proposta gastronómica, e confeccionar unhas divertidas lntes e estruturas de pau e plastilina

Unha fin de semana máis o Gastroespazo do Mercado de Abastos convidará aos nenos e nenas de entre 4 e 10 anos a desfrutar dunha nova proposta de talleres de O Ganapán. O programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe a socialista Yoya Blanco, ofertará nesta ocasión uns obradoiros nos que a rapazada poderá desfrutar elaborando biscoitos de mandarina e pudins de mazá, dúas receitas afroitadas para fomentar o consumo destes alimentos tan saudables entre os máis pequenos da casa. Asemade, os nenos que asistan ás actividades, que se desenvolverán o sábado 4 e domingo 5 de marzo, terán ocasión de confeccionar estruturas de pau e plastilina e unhas lentes divertidas, que aportarán o toque divertido a estas xornadas.

Como é habitual neste proxecto, as actividades levaranse a cabo en horario de 11:30 a 13:30 horas, ámbolos días. A concelleira de Promoción Económica recorda que tódolos rapaces que queiran participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, indicando na mensaxe as posibles alerxias e intolerancias de cada quen. “Aconséllovos a todos e todas que non esquezades a friameira, xa que as exquisiteces desta semana merecen ser probadas tamén polas familias na casa”, sinala a concelleira Yoya Blanco.