Pontevedra segue sen rexistrar ningunha morte por violencia viaria no trazado urbano e acumula 12 anos sen elas 

9
A edil de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, indicou que menos do 1 % dos test de alcol realizados pola Policía Local deron positivo, facédonse un total de 21.380 probas 

A concelleira de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da última memoria de tráfico realizada pola Policía Local de Pontevedra. «Recollemos neste informe todo os datos relacionados co tráfico e coas intervencións que o corpo local fixo a este respecto durante o pasado ano 2022», indicou a edil.

«Unha vez máis, durante todo o ano 2022, Pontevedra amosa uns moi bos resultados no que ten que ver con siniestralidade de tráfico. O importante, o obxectivo que nos poñemos cada 1 de xaneiro, e non ter ningún falecido, polo que podemos volver congratularnos, situación que celebramos desde o ano 2011. É a proba máis evidente de que o modelo urbano funciona e que hai que seguir incidindo e intensificando neste modelo no que ten que ver coa redución de tráficos, do aproveitamento do espazo público, etcétera», expresou a concelleira de Seguridade e Protección Cidadá. «A Policía Local e o seu traballo é fundamental para que a cidade funcione ao igual que o modelo. Os resultados amosan que imos na boa dirección e por iso seguiremos traballando nesta».

Vilaverde puxo sobre a mesa tamén os datos de feridos graves, que segue tendo o obxectivo de baixar dos dous díxitos. No 2022 houbo 16. No caso de accidentes con feridos leves, a cifra queda en 126, sendo o obxectivo baixar dos cen.

Ao longo do ano, a Policía Local realizou 17 campañas específicas, 11 en colaboración coa DGT —en relación con alcol, drogas, condicións técnicas de vehículos, transporte escolar…— e 6 propias, deseñadas para a propia cidade —velocidade, zonas peonís, zona servizos, bicicletas e VMP, controis estáticos de alcol…—.

Neste eido, cómpre indicar que dato positivo é que Pontevedra por oitavo ano consecutivo alcanzase o obxectivo de baixar do 1  % dos positivos nas probas de alcol. No último foi realizado o maior número de controis (220) nos últimos 17 anos, e o maior número de probas: 21.380. 

Cómpre indicar que, efectivamente, os accidentes con alcoholemia positiva  aumentaron neste 2022, ao pasar de 13 a 20, polo que o Concello continuará con campañas de controis de tráfico tentando concienciar a todos os condutores do municipio. O 90 % dos condutores detectados conducindo baixo os efectos do alcol foron homes, restando tan só o 10 % para as mulleres. «É unha gráfica que se repite, xa o ano pasado era semellante, e corrobora esa idea de que as mulleres son máis prudentes, máis eu creo que tamén existe un transfondo patriarcal neste asunto, sendo as mulleres as que deixan de beber cando van en parella ou en grupo, sendo elas as que se encargan desta misión», sinalou Vilaverde.

Doutra banda, desde o ano 2012 e até o ano 2022 descendeu un 49,18 % o número de vehículos retirados polo guindastre municipal por infracción, se ben aumento dun 13 % os vehículos retirados por infracción co relación ao ano 2021.