O proxecto para renaturalizar o río dos Gafos ao seu paso por Rosalía de Castro ponse en marcha coa realización de catas técnicas na beira que dá cara á rúa da Tablada

    73
    • O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, avanza que “tras estes traballos previos, a empresa Covsa ten previsto iniciar nas vindeiras semanas esta agardada actuación, que permitirá a restauración paisaxística e ambiental e o destape do afluente na súa desembocadura, así como a substitución da actual ponte peonil que une A Tablada e Rosalía de Castro por unha espectacular pasarela voadiza de trazado curvo”
    • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembra que esta intervención, adxudicada por un orzamento de 495.866 euros, “converterase no primeiro chanzo dese ambicioso proxecto co que pretendemos liberar e restaurar todo o treito do río dos Gafos que discorre polo barrio de Campolongo e convertelo nun enorme parque cun tamaño equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón”

    Cunhas catas técnicas realizadas na beira que dá cara á rúa da Tablada, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de poñer en marcha o proxecto que permitirá o destape e a restauración ambiental e paisaxística do treito do río dos Gafos que discorre entre Xeneral Rubín e Rosalía de Castro, na desembocadura do afluente. Estes traballos previos executados pola empresa adxudicataria Covsa permitiron detectar a profundidade á que deberá cimentar a estrutura da espectacular pasarela metálica voadiza que se creará para conectar ámbalas marxes (A Tablada con Rosalía de Castro) e que substituirá á actual ponte peonil.

    Segundo explica o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, “como resultado destas catas técnicas determinouse a necesidade de escavar 3,5 metros no punto previsto, coa finalidade de comezar a cimentación da nova pasarela, que apoia na marxe dereita do río, de xeito seguro”. Puentes avanza que “tras estes traballos previos, a firma Covsa, á que se lle adxudicou a execución deste proxecto cun orzamento de 495.866 euros (financiado con cargo aos fondos Edusi da UE), ten previsto iniciar nas vindeiras semanas esta agardada actuación”. “A intervención -apunta o socialista- suporá a demolición da actual ponte peonil de 7 metros de ancho que une A Tablada e Rosalía de Castro e a construción dunha pasarela voadiza, metálica, lixeira e de trazado curvo para osixenar todo este ámbito e recuperar a visión e o acceso ao río dos Gafos”.

    O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembra que esta actuación, enmarcada na estratexia Pontevedra Flúe, “converterase no primeiro chanzo dese ambicioso proxecto co que pretendemos liberar e restaurar todo o treito do río dos Gafos que discorre polo barrio de Campolongo e convertelo nun enorme parque cunha superficie de 81.000 metros cadrados, un tamaño equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón da cidade”. O proxecto actuará sobre o único treito do Gafos que nestes momentos non ten paseo e que non resulta accesible (os demais dispoñen de pasarelas ou sendas peonís que permiten pasear a pé do río), sendo ademais a zona do afluente máis degradada nestes momentos, ao estar conformada por traseiras de edificios e atoparse moi encaixonada entre eses inmobles e sen posibilidade real de acceso ao río en ningún punto.

    Zonas de herba, pradeira e ribeira e zonas de bancais

    A actuación renaturalizará ese leito fluvial e facilitará o paseo e o acceso ao río en practicamente tódolos puntos, actuando sobre unha infraestrutura como a ponte de formigón que conectar A Tablada e Rosalía de Castro, que oculta o Gafos e que afea tanto o seu contorno como a ponte baixo a que discorre o río (a da rúa Rosalía de Castro). Ademais de derrubar esa ponte de formigón e substituíla pola nova pasarela metálica voada, Covsa tamén procederá a asegurar os noiros máis próximos ás vivendas cunha serie de muros de contención esteticamente ben resoltos e que non impacten no contorno, así como a reverdecer todo ese espazo ata río, mesturando dous tipos de solucións: zonas de herba, pradeira e ribeira e zonas de bancais, que permitan xerar áreas de lecer e de estar e áreas de acceso e baixada para poder chegar ata o río e tocar a auga.

    Os traballos traduciranse na creación dunhas ribeiras accesibles e duns paseos perpendiculares ao longo da canle, o que fará posible comunicar a zona de Campolongo coa que discorre ata as Corvaceiras e darlle así continuidade ao paseo do Gafos, que vén desde Tomeza, ata a desembocadura do río. Tal e como lembrou Iván Puentes, “os paseos combinarán xabre estabilizado con zonas de adoquín e herba, cumprindo cun dos parámetros que estamos a traballar coa Fundación Biodiversidade, que é o das filtracións de auga, para evitar escorrentías e para que o terreo se comporte do xeito máis natural posible”.

    Neste eido, hai que subliñar a dobre vertente desta actuación: por unha banda, a compoñente hidráulica, que busca a eliminación de colectores en superficie e a súa renovación como elementos soterrados que non interfiran visualmente dentro da paisaxe de ribeira; e pola outra, a eliminación da pasarela de formigón prefabricado de 7 metros de ancho que actualmente cubre parte do río (adosada ao número 23 da rúa Rosalía de Castro). As obras localízanse augas arriba do entronque do Gafos coa rúa Rosalía de Castro, ata a escalinata de acceso á ribeira, a uns 50 metros, actuando en ámbalas marxes do río, nunha actuación con certo carácter ‘cirúrxico’: unha superficie total de 1.561 metros cadrados delimitada polas edificacións que a rodean e de difícil acceso.

    O proxecto busca xerar un novo ámbito de esparexemento cidadán en contacto coa ribeira, acadándose unha transición gradual do desnivel da rúa Tablada co río (o que permitirá a restauración ambiental das zonas limítrofes á canle) e substituíndose non só a actual pasarela adosada ao edificio que oculta o arco de pedra da ponte de Rosalía de Castro, senón tamén tódolos colectores que discorren polo bordo a ribeira.