Mundonen@s regresa esta fin de semana ao Recinto Feiral tras dous anos de parón pandémico cun infinito abano de propostas de lecer

160
  • A sétima edición do Salón das Familias, promovido pola Concellería de Promoción Económica e patrocinado por Abanca e Eroski, contará con máis de 20 expositores, inaugurarase este venres 24 de 17:00 a 20:30 horas e manterá as súas portas abertas o sábado 25 e o domingo 26 de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas
  • O evento incluirá tanto stands fixos, entre os que haberá desde moda infantil, colexios e espazos de entretemento ata axencias de viaxes e aseguradoras, como un intenso programa de exhibicións deportivas e talleres e xogos para os máis pequenos

O certame Mundonen@s, promovido pola Concellería de Promoción Económica e patrocinado por Abanca e Eroski, regresa esta fin de semana ao Recinto Feiral tras dous anos de parón motivados pola pandemia, nunha sétima edición que despregará un infinito abano de propostas de lecer e na que participarán máis de 20 expositores. O salón familiar de Pontevedra por excelencia abrirá as súas portas ao público este venres 24 de febreiro pola tarde, en horario de 17:00 a 20:30 horas, e manterá o seu intenso programa de actividades o sábado 25 e o domingo 26 tanto pola mañá como pola tarde, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas.

Os que se acheguen ata este evento poderán atopar unha amplísima oferta que abrangue desde moda infantil, colexios e espazos de entretemento ata axencias de viaxes e aseguradoras. Non obstante, tal e como avanza a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “á marxe dos stands fixos, deseñamos un potente programa de actividades que contempla a celebración de numerosos talleres e xogos para os máis pequenos, na súa meirande parte totalmente gratuítos, e varias exhibicións deportivas”. “Asemade, contaremos coa presenza de diversas empresas locais que se centrarán en aspectos como a saúde, o fogar, a moda, os espectáculos, as manualidades…”.

Así, o VII Salón das Familias Mundonen@s contará cos seguintes espazos e actividades:

  • Escenario Abanca: onde haberá xogos populares (Spazo Sport), unha charla-coloquio de Patricia Lage sobre ‘Mellora do rendemento académico a través do adestramento optométrico’, unha conferencia de Ernesto de la Vega (MC Sports), un desfile de Comuñón e Arras (Trasniños) e unha Festa Infantil de Entroido (Lelé de Noite).
  • Illa Kids&Us: con obras de teatro/storytime; manualidades, xogos e bailes; decoración de camisetas, e talleres de cociña ‘Little Chef’ e de slime ‘Mad Scientist’.
  • Illa Baby: zona con xogo simbólico, lectura, construcións, cambiador e espazo de lactancia.
  • Illa Eroski: con obradoiros de plastilina, debuxo, teatro, arte con comida, decoración téxtil e chaveiros de la.
  • Illa Isa Naveiro: con talleres de pegatinas, globoflexia, mini glitter e tatuaxes de purpurina, catrinas, maquillaxe de fantasía e pintado de uñas, manualidades con fieltro, pulseiras con hamas, pintado de bolsas de tea, lettering, pinzas de madeira, slime, atrezzo e máscaras de Entroido, papelería e chaveiros festivaleiros.
  • Illa Mundonen@s: con actividades de Máscaras Divertidas (Galería Tangram); Creación de Marcapáxinas (Kumon); Graneiro (Graneiro Delmas); Brocheta de Moa, Coroa de Moa e Pinta a túa Moa (Dental Vilaboa); Festa (Galería Tangram); As 7 Pezas (Galería Tangram); Pintacaras (Spazo Sport), e Crea a túa Planta (Kumon).
  • Mundo Deporte: Iniciación ao Pádel e Mini Tenis (Mercantil) e Iniciación ao Taekwondo e exhibición da disciplina (Taekanart).
  • Xogos: inchables e circuíto de carreiras.
  • Illa Chef: Decoración de Cup Cakes (Acuña); Fai a túa propia Pizza (Acuña); Cociña con Tupperware, e Decoramos Galletas (Acuña).