O Ciclo de Cine e Saúde Mental continúa este xoves con ‘Os Tenenbaums. Unha familia de xenios’

52
  • O filme dirixido por Wes Anderson será o protagonista da segunda sesión do programa ‘O Oficio de Vivir’, impulsado pola Concellería de Benestar Social, que terá lugar este xoves no Teatro Municipal de Pontevedra ás 19:00 horas

Despois de que ‘Amorodos Salvaxes’ inaugurase a pasada semana a II edición do Ciclo de Cine e Saúde Mental ‘O Oficio de Vivir’, o programa impulsado pola Concellería de Benestar Social en colaboración coa axencia de xestión cultural Taller Abierto continuará este xoves 23 de febreiro cun pase do filme ‘Os Tenenbaums. Unha familia de xenios’, unha produción estadounidense sobre o sentimento de familia. A película de Wes Anderson proxectarase no Teatro Principal de Pontevedra a partir das 19:00 horas. 

A iniciativa do departamento que dirixe o socialista Marcos Rey contará unha vez máis coa participación de Suso Novás, director de Novos Cinemas, que se encargará de facer unha presentación e posta en contexto do filme, así como da experta en Psiquiatría Julia Fraga, que exporá ás súas reflexións sobre a película trala visualización da mesma, como prolegómeno a apertura dun coloquio co público asistente.

O Ciclo de Cine e Saúde Mental continuará nas xornadas do 15 e 22 de marzo coas películas ‘ O Servente’ (produción británica de 1963, dirixida por Josey Loseph que trata sobre as relacións tóxicas en feitos como pode ser o servilismo, a dominación ou o sadismo, nun contexto de loita de clases) e ‘Que foi de Baby Jane?’ (película de Robert Aldrich de 1962 que fala sobre o contexto imaxinario estadounidense, tratando asuntos como o éxito e a ancoraxe ao pasado), respectivamente, seguíndose en todas elas a mesma mecánica de presentación-visualización do filme-coloquio.