O novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar incrementará en 40.000 horas a atención anual prestada ás persoas dependentes

115
  • A Concellería de Benestar Social levará mañá a Xunta de Goberno para a súa aprobación o expediente de contratación e o prego de condicións técnicas que rexerán o procedemento aberto para a adxudicación do servizo
  • O socialista Marcos Rey explica que o contrato terá unha duración de catro anos, cun orzamento global de 12,2 millóns euros, o dobre que no anterior, a razón duns 3 millóns de euros ao ano (fronte aos 1,4 millóns do que está en vigor)

O novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) impulsado pola Concellería de Benestar Social permitirá ofrecer unha cobertura de atención de ata 154.600 horas anuais ás persoas dependentes de Pontevedra, o que supón un incremento de 40.000 horas con respecto ao actual contrato, prestado pola empresa Idades. O departamento que dirixe o socialista Marcos Rey levará mañá a Xunta de Goberno o expediente de contratación do servizo, así como os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares que rexerán o procedemento aberto de adxudicación.

Segundo explica Rey, o contrato para a prestación do SAF no Concello de Pontevedra terá unha vixencia de 4 anos e conta cun orzamento global de 12.270.045,80 euros (o que supón máis do dobre dos 5.923.840 euros do contrato en vigor), a razón duns 3 millóns de euros ao ano (fronte aos 1,4 millóns do actual). “O novo contrato -subliña o concelleiro do PSOE- suporá unha substancial mellora na prestación dun servizo social que consideramos fundamental. O incremento exponencial do orzamento, e polo tanto do número de horas de atención, pon de manifesto o compromiso e a implicación do Goberno de Pedro Sánchez co funcionamento do SAF, xa que as administracións autonómicas reciben do Estado os cartos para investir neste servizo e, mentres a Xunta decidiu reducir a cifra global, o Executivo de Sánchez volveu respostar a unha demanda social crecente, especialmente trala pandemia, e a incrementar a partida neste eido”.

A Administración Xeral do Estado reforza deste xeito o seu compromiso de destinar unha consignación específica, nos Orzamentos Xerais do Estado, con destino ao Plan Concertado para o Desenvolvemento de Prestacións Básicas de Servizos Sociais en Corporacións Locais, artellado a través da fórmula de convenios administrativos entre as administracións do Estado e as comunidades autónomas.

Non obstante, tal e como apunta Marcos Rey, “se facemos o promedio dos últimos anos de prestación, o Concello de Pontevedra veu asumindo o 21,85% do custe do SAF de Dependencia (persoas que teñen un recoñecemento de dependencia) e a Xunta un 64,53%, cubrindo os usuarios un 13,62% do mesmo”, mentres que se realizamos o mesmo cálculo para o SAF Básico ou de Libre Concorrencia (persoas que non teñen a valoración de dependencia ou que aínda non teñan recoñecido o dereito efectivo a un servizo ou prestación do catálogo de Dependencia, así como unidades familiares cuxa problemática principal estea vencellada con aspectos convivenciais e socioeducativos), “o Concello está a asumir case un 80% do custe, a Xunta unicamente o 12,4% e os usuarios o 8,49% restante”.

O concelleiro de Benestar Social lembra que o Servizo de Axuda no Fogar permite atender a persoas maiores con dificultades graves na súa autonomía persoal e que presenten problemas para a realización de determinadas tarefas de carácter persoal ou doméstico; persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial, que afecte significativamente á súa autonomía persoal, que vivan soas ou non poidan ser atendidas suficientemente polas súas familias, e mesmo a familias con especial dificultade de atención de menores debido á carencia de hábitos para un bo funcionamento da vida cotiá, falta de apoios ou problemas no desenvolvemento da estrutura e dinámica familiares, dando prioridade a familias con menores de 12 anos. Tamén facilita a xestión de crises de carácter temporal sobrevidas, como por exemplo convalecencias tras hospitalizacións ou enfermidades terminais.

“O número de usuarios que se benefician do SAF ronda nestes momentos as 200 persoas, a meirande parte delas maiores dependentes”, sinala Marcos Rey.